O Programa de Préstamo de Libros esperta a solidariedade dos monfortinos
O Programa de Préstamo de Libros posto en marcha pola delegación de Benestar Social nos colexios CEIP Monforte e A Gándara non acadou un gran volume de exemplares recollidos, pero si espertou a conciencia solidaria da cidadanía.
Esta iniciativa municipal promoveuse coa intención de paliar a delicada situación laboral e económica que están a sufrir un gran número de familias.
O obxectivo deste proxecto é favorecer a reutilización dos libros de texto mediante o desenvolvemento dun programa voluntario e de carácter solidario que, para poder ser unha realidade, precisa da colaboración dos centros e, sobre todo, das familias.
Este obxectivo podemos considerar que se logrou xa que, segundo informan dende os dous centros educativos, moitas persoas fan o intercambio ou préstamo de libros directamente entre elas e sen recorrer ó programa municipal. Por outra banda, e segundo volven constatar dende os colexios, hai familias que deixan os libros dos seus fillos e que renuncian a presentar solicitudes de préstamo porque consideran que a súa situación económica permítelles mercar libros novos, preferindo que os libros en préstamo se destinen a outras familias máis necesitadas.
Outra situación que tamén se está dando é que moitos pais e nais indicaron que participarán no programa pero que non entregarán os libros ata setembro, xa que queren que os seus fillos repasen durante o verán.
A concelleira de Benestar Social, Pilar López, valora positivamente a iniciativa porque “logrou espertar a solidariedade en canto á reutilización dos libros de texto, se ben é certo que o volume de libros entregado non se corresponde coas previsións que tiñamos dende o Concello”.
A primeira fase deste proxecto desenvolveuse entre o 25 de xuño e o 5 de xullo, período no que tódalas persoas que o desexasen deberían entregar os libros de texto no centro educativo no que cursase estudos o seu fillo/a.
No colexio A Gándara entregáronse neste período os seguintes lotes completos de libros: 8 lotes de 4º de primaria; 3 lotes de 6ª de primaria; 6 lotes de libros de lectura de 2º de primaria.
No colexio CEIP Monforte, entregáronse os seguintes lotes completos de libros: 3 lotes de 3º de primaria; 5 lotes de 4º de primaria; 5 lotes de 5º de primaria.
Ademais destes lotes completos, pendentes de que se revise o seu estado para consideralos definitivos, entregáronse exemplares soltos de diversos cursos e asignaturas.
A segunda fase do programa lévase a cabo entre o 8 e o 19 de xullo, días nos que as persoas interesadas en beneficiarse desta iniciativa poden presentar nos colexios a solicitude para a obtención e uso dos libros de texto dispoñibles.
No colexio A Gándara presentáronse a día de hoxe 20 solicitudes, mentres que no CEIP Monforte entregáronse 17 solicitudes.
A terceira fase, do 2 ó 6 de setembro, será o momento da entrega de libros de texto ás familias seleccionadas, entrega que se realizará no centro educativo de referencia.
Dende a delegación de Benestar Social, a mediados do mes de agosto e unha vez realizada a valoración das solicitudes presentadas, comunicarase ás familias participantes neste programa que libros van recibir e cales deberán mercar. Deste xeito evitaranse atrancos de última hora tanto para as familias como para os libreiros.
Tódolos trámites faranse no propio colexio en horario de 10:00 a 13:00 horas











