O programa de axudas para a creación de microempresas en Lalín entra en vigor o 4 de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

Hoxe saen publicadas no BOP as bases reguladoras do programa de axudas municipais para a creación de emprego do Concello de Lalín. A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, informa que “as técnicas do servizo de Emprego están xa asesorando sobre as solicitudes de axuda aos emprendedores que puxeron en marcha unha actividade empresarial ao longo deste ano, que serán tramitadas e baremadas segundo as bases que hoxe entran en vigor coa finalidade de obter a subvención correspondente, 1.000 euros, destinados a gastos de constitución posta en marcha”.

Batán resalta que “o apoio á creación de microempresas e a fixación de poboación é o obxectivo primordial destas axudas”. “É a primeira vez que se pon en marcha este programa e confiamos na boa aceptación do mesmo”, remarca.

O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá e permanecerá aberto ata o 31 de outubro. Poden acollerse a estas axudas as empresas privadas de nova creación, calquera que sexa forma xurídica que adopten os promotores, entre elas, as seguintes: persoas físicas (empresarios/as individuais); comunidades de bens ou sociedades civís; sociedades cooperativas, sociedades laborais, sociedades de responsabilidade limitada ou sociedades limitadas de nova empresa.

Ademais os solicitantes deberán ter a consideración de pequena ou mediana empresa e así mesmo ter iniciado a súa actividade entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de outubro de 2013, explica. Serán así mesmo requisitos xerais para optar a ser beneficiario/a: que a empresa teña o seu enderezo fiscal e social e o seu centro de traballo no Concello de Lalín; que os promotores sexan persoas desempregadas á data de inicio da actividade da empresa e creen, polo menos, o seu propio posto de traballo acreditado coa alta no réxime que corresponda e que non desenvolvesen como traballadores autónomos a mesma ou similar actividade no Concello de Lalín nos 6 meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como traballadores/as autonómas/as nos 3 meses inmediatamente anteriores.

De igual modo, deberán probar que a empresa sexa viable técnica, económica e financeiramente e que poñan en marcha en empresas de nova creación dos tres sectores produtivos, considerando incluídos, en tal concepto, os traspasos de negocios que non teñan vinculación familiar.

GASTOS SUBVENCIONABLES

As axudas son a fondo perdido con destino ao financiamento de parte dos primeiros gastos da posta en funcionamento da actividade: visado, honorarios e gastos xerados no proceso de apertura e constitución de empresa; inscrición no rexistro mercantil; certificación negativa do nome de sociedade; honorarios de notarías por escrituras de constitución da sociedade; publicación no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME); adquisición das primeiras compras de mercadorías, de materias primas e doutros consumibles, gastos de alugamento de local, maquinaria ou equipamentos informáticos, primas de seguros e dereitos de propiedade industrial (patentes, modelos de utilidade, deseño industrial, marcas de produtos ou servizos, nomes comerciais, etc.).

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

Outorgarásenlle as axudas a aquelas solicitudes que obteñan maior puntuación en base ao colectivo ao que pertenzan valorándose os que teñan maior dificultade de inserción no mundo laboral (persoas desempregadas de longa duración; que sexa o seu primeiro emprego; menor de 30 anos; maior de 45 anos; persoas que esgotasen a súa prestación de desemprego ou subsidio, etc.); ao número de postos de traballo creados por conta propia ou allea de seis ou máis meses de duración e ao feito de que as empresas promotoras e contratadas por conta allea estean empadroadas no Concello de Lalín.

O emprego de lingua galega na realización das actividades propias da empresa; que a empresa teña implantadas medidas de conciliación da vida laboral e familiar e que estivese asesorado polo servizo da axencia de emprego e desenvolvemento local do Concello de Lalín.

Unha comisión de avaliación de solicitudes e seguimento, integrada pola concelleira delegada de Actividade Económica, por dous/dúas empregados/as municipais e polo secretario xeral encargarase de puntuar as solicitudes admitidas, segundo a puntuación total obtida. Unha vez realizada a valoración, realizarase unha proposta de resolución a favor das empresas que acaden maior puntuación e finalmente dita proposta será elevada á Xunta de Goberno Local.

3 de xullo de 2013 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.