O programa “Augalingua” chegará o vindeiro 8 de agosto á piscina do Muíño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrdes
A-
A+

Tras a cancelación anunciada por mor do accidente ferroviario acontecido nas inmediacións de Compostela a pasada semana, finalmente a piscina municipal do Muíño acollerá o vindeiro 8 de agosto a actividade Augalingua, prevista nun principio para este martes 30 de xullo. 

A cita está dirixida aos cativos con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Aqueles que ese día están a desfrutar na piscina municipal terán a oportunidade de ser os verdadeiros protagonistas dunha divertida xincana lingüística. Nela deberán superar unha serie de probas de habilidade ou rapidez para conseguir o maior número de letras e construír unha palabra o máis longa posible. Grazas a Augalingua os participantes poderanse achegar ao idioma galego durante o seu tempo de lecer nas piscinas municipais ou praias fluviais.

A dita iniciativa está integrada na edición 2013 do programa de fomento do uso do galego que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lle destina á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

30 de xullo de 2013 | 14:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.