O prazo de presentación de ofertas á xestión do servizo de teleasistencia conclúe o vindeiro xoves
A Concellaría de Servizos Sociais informa de que se mantén aberto ata o próximo xoves, 18 de xullo, ás 13.00 horas, o prazo para presentarse ao concurso -convocado mediante procedemento aberto- de xestión do servizo municipal de teleasistencia. O investimento programado polo Concello alcanza os 245.000 euros anuais e permitirá unha atención personalizada e un contacto permanente con persoas máis vulnerables, que viven soas ou con certo nivel de soidade.
A licitación deste programa forma parte do compromiso do Goberno local de garantir o benestar social e a calidade de vida dos coruñeses. Neste caso concreto, o servizo de teleasistencia permite que os usuarios poidan poñerse en contacto os 365 días do ano cun centro de atención de chamadas, que dispón de persoal especializado, para resolver as necesidades que acontezan en calquera momento. Ademais, mobilizaranse os recursos precisos para que as persoas poidan seguir vivindo no seu ámbito habitual.
O proxecto de teleasistencia diríxese con especial atención a persoas dependentes, maiores de 65 anos con especial vulnerabilidade -que vivan sós ou en compañía doutra persoa de similares características- e minusválidos.
O Concello da Coruña sacou a concurso este servizo por un importe de 245.063 euros ao ano, pois a previsión é atender a un número aproximado de 950 persoas. Non obstante, se a Concellaría de Servizos Sociais constata a necesidade de atender a máis usuarios e incrementar o número de prazas, o Goberno local incrementará o presuposto reservado para este programa de teleasistencia ata cubrir toda a demanda.
O contacto co centro de atención estará garantido de forma ininterrompida durante as 24 horas do día a través dunha liña telefónica ou outra tecnoloxía. Este servizo municipal, ademais, serve como modelo de acompañamento personalizado con chamadas periódicas o usuario. En concreto, no prego técnico do contrato establécese que a frecuencia mínima de chamadas será semanal e tamén se poderá realizar unha atención persoal por iniciativa do xestor do servizo, da Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo ou a petición dos propios usuarios.
Unha vez finalice o prazo de presentación, analícense as ofertas e adxudíquese definitivamente o servizo, a empresa deberá empezar a traballar o 28 de febreiro de 2014 por un período de dous anos, aínda que prorrogable por dous máis.











