O pleno de Ames aproba por unanimidade a adhesión ao convenio de creación dun fondo social de vivendas
O pleno ordinario do mes de xullo no Concello de Ames comezou coa lectura dunha declaración institucional con motivo do tráxico accidente rexistrado o pasado mércores 24 en Santiago de Compostela. Seguidamente, a Corporación municipal gardou un minuto de silencio en lembranza das vítimas e en apoio dos seus familiares e amigos. Na declaración institucional, o Concello manifesta o seu pésame ás familias das vítimas, a súa solidariedade con todos eles e agradece, en nome de todos os veciños e veciñas de Ames, a colaboración e axuda prestada por todos aqueles, efectivos de emerxencias e persoas anónimas, que atenderon as necesidades dos afectados pola traxedia. En sinal de respecto ás vítimas, e tal e como se propuxera ao resto dos membros da Corporación, o grupo popular rexeitou entrar no debate político dos puntos da orde do día.
Tras a homenaxe ás vítimas, comezou a sesión ordinaria, na que se deu conta das conclusións da comisión informativa sobre os plenos de setembro e novembro. Tamén se deu conta ao pleno do decreto da liquidación, que reflicte que o Concello pechou o exercicio 2012 cun remanente de tesourería de máis de 190.000 euros, o primeiro positivo desde o ano 2006, e unha cifra significativa despois de que na última liquidación o remanente de tesourería alcanzara un rexistro negativo récord de máis de -2.100.000 euros.
Nos puntos para deliberación e acordo, aprobouse por unanimidade a adhesión do Concello de Ames ao convenio para a creación dun fondo social de vivendas, asinado entre o Goberno central, a FEMP, o Banco de España e varias plataformas, asociacións e confederacións relacionadas coa banca e un total de 31 bancos e caixas de aforro. A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, explicou que o obxectivo deste convenio é aportar novos instrumentos que melloren a situación das familias que se atopen nunha situación de maior dificultade social, fundamentalmente no que ó acceso da vivenda se refire. A adhesión do Concello a este convenio permitirá realizar funcións de colaboración coas entidades de crédito previstas no convenio, facilitando a resposta ante situacións de desafiuzamentos de persoas en situación de vulnerabilidade social.
Tamén no eido dos servizos sociais, o pleno aprobou por unanimidade un novo regulamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a ordenanza relacionada co mesmo. A concelleira de Benestar Social fixo fincapé en que se trata de adaptar adaptar ambos textos á recente lexislación autonómica e introducir modificacións no regulamento, que permitan contar cunha norma máis reducida, que conteña o imprescindible e, consecuentemente, sexa máis manexable. Entre as modificacións que se propoñen inclúese o cambio na regulación da achega por parte das persoas usuarias do SAF municipal, establecendo unhas regras diferentes para SAF-dependencia e SAF-prestación básica, e a modificación na forma para adaptarse ao modelo facilitado pola Xunta de Galicia.
No pleno de xullo aprobouse, cos votos a favor do grupo de Goberno, do grupo socialista e de parte dos concelleiros non adscritos, o regulamento de uso e servizo de bens informáticos e de comunicacións do Concello. O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que este regulamento, cuxa redacción foi iniciada na lexislatura pasada, facilitará o máximo aproveitamento e uso axeitado dos medios informáticos e de comunicacións nas diferentes actuacións do Concello de Ames, asegurará a protección dos dereitos dos cidadáns nas súas relacións coa Administración, mellorará os servizos que o Concello presta aos cidadáns e previrá aos sistemas de información ou medios de almacenamento de riscos e danos. O rexedor agradeceu o traballo dos técnicos informáticos na elaboración e adaptación deste regulamento e destacou que este texto supón un primeiro paso para normalizar o uso das novas tecnoloxías no Concello.











