O mercado medieval, o teatro na rúa e os concertos, as tres actividades con maior afluencia de público do programa das Festas de Ourense 2013
Os fogos artificiais puxeron onte, un ano máis, o colofón ao programa de actividades das Festas de Ourense 2013 que organiza a Concellería de Cultura. A concelleira Ana Garrido, acompañada do ténico de Cultura, Manuel Freire, valorou esta mañá moi positivamente a afluencia de público e participación nas festas, que este ano ofreceron propostas aos cidadáns durante dez días.
A concelleira salientou a continua actividade e oferta de propostas nas zonas máis emblemáticas da cidade, especialmente na Praza Maior, na Praza de San Martiño, na Praza de San Marcial e no Xardín do Posío, que se convertiron nos “mellores escenarios posibles” para acoller os concertos e demáis actividades.
Garrido destacou a “ampla oferta que ofrecemos para todos os públicos”, e mencionou o congreso Ludaria, os títeres, a animación de rúa, e o microteatro, así como a actividade contínua no Casco Histórico da cidade.
Entre as actividades con máis afluencia do programa a concelleira puxo en relevancia “o mercado medieval, polo que pasaron unhas 30.000 persoas, o teatro e animación de rúa, e os concertos, entre os que sobresaíu o do artista internacional Eli Paperboy Reed, unha aposta querida e buscada, coa oportunidade que supón como proxección da nosa cidade fóra”. A concelleira fixo especial mención ao cumprimento de dúas asignaturas pendientes, coincidindo coa celebración das festas: a reapertura do claustro de San Francisco e da sala municipal José Ángel Valente, do Banco de España,
Finalmente, rematou a súa intervención agradecendo a participación activa e respectuosa dos cidadáns, e aos organizadores do concerto de Melendi e o Derrame Rock, “que impulsan a cidade cara fora”.
Máis de 15.000 asistentes ao Derrame Rock
Enrique Granda, organizador do Festival Derrame Rock e do concerto de Melendi, fixo balance das dúas actividades “que superaron as expectativas iniciais”. O Derrame contou coa participación de máis de 15.000 persoas (6.000 o venres e 9.700 o sábado), e o concerto de Melendi cuns 7.500 asistentes. As dúas actividades se desenvolveron sen incidentes e coa colaboración do público, “que contribuíu a que o concerto de Los Suaves se convertise nun acontecemento histórico e irrepetible”.











