O IX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística pretende avanzar na normalización coa implicación da cidadanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

“A normalización lingüística é un proceso social e para que avance debe ser protagonizado pola cidadanía”. Así resumiu Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) o obxectivo principal do IX Curso de verán sobre dinamización lingüística “Traballando en lingua: participación, implicación e traballo colaborativo” na inauguración desta iniciativa, na que tamén estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o catedrático de Filoloxía Galega e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Ramón Freixeiro Mato. Este último expresou a súa satisfacción por que a UDC, organizadora do curso coa CTNL, o Concello carballés e a Xunta, chegue a ver a novena edición desta proposta, especialmente nun momento en que é moi necesario “dinamizar o uso da lingua galega na sociedade” xa que o idioma “está a perder falantes e a sufrir medidas desprotectoras”. Valentín García, pola súa banda, gabou o feito de que o curso aborde “un aspecto fundamental á hora de socializar a lingua galega”, como é a implicación, e que o faga “estudando o que se está facendo noutros ámbitos como o cooperativismo e a loita pola igualdade” co obxectivo final de “acadar un cambio social”. O Alcalde foi o encargado de pechar o acto de inauguración, lembrando que xa é o sexto ano consecutivo en que o curso abandona os muros da UDC para visitar Carballo. Manifestou “o compromiso do Concello coa lingua, co idioma que nos identifica” co que tamén ten que haber “un compromiso colectivo”. Desexou que as tres xornadas do curso “sexan proveitosas” para os arredor de 40 participantes e que o curso siga a gozar de boa saúde no futuro. A primeira conferencia correu a cargo da arquitecta salvadoreña Alicia Tenze, membro da Red Cimas (Rede de profesionais comprometidos coa transformación social e as democracias participativas) que foi presentada por Goretti Sanmartin, profesora titular de Filoloxía Galega da UDC.

Ofreceu a ponencia titulada “De ‘as portas están abertas’ a ‘este proxecto tamén é teu’. Sobre métodos e estratexias de implicación”, na que reflexionou sobre os distintos pasos que se poden dar para conseguir un verdadeiro “proceso de mudanza social”. A clave está en conseguir a participación de todos os estamentos implicados “construíndo colectivamente estratexias comúns”. Ademais, convén escoitar todos os puntos de vista, traballando non só cos colectivos afíns ás nosas ideas, “senón tamén tratando de seducir aos alleos e diferentes a nós” para que se impliquen. Tenze tamén quixo subliñar a importancia do feedback ao longo de todo o proceso, abandonando “os informes estáticos para crear un debate máis fondo”, recoñecendo as diversidades que existan, sendo flexibles e traballando para crear unha “idea forza” que todos os implicados poidan asumir.

Xogos populares, proxectos afíns e peche o venres 19

A xornada do mércores tamén contou con dúas mesas de traballo, unha de experiencias de implicación desde as administracións e outra de experiencias de implicación desde a base. E o día pechouse cunha sesión de xogos populares para as persoas participantes no curso: chave, ra, zancos, peón, mariola, corda, aro, etc. O xoves pola mañá, o técnico da cooperativa vasca Emun, Txerra Rodríguez, falará sobre a participación e a implicación no traballo dinamizador en Euskal Herria. A continuación, o coach madrileño e facilitador Lego Serious Play, Carlos Martínez, explicará as potencialidades innovadoras do “xogo serio” para a implicación en proxectos. Xa pola tarde, da man do dinamizador Bernardo Penabade, as persoas participantes coñecerán métodos, estratexias e experiencias de implicación en dinamización lingüística. Para pechar o día, a traballadora de normalización lingüística Queca Carballo presentará o Viveiro de propostas normalizadoras da CTNL, a partir do que os participantes traballarán en diversas propostas. Po último, o venres 19 a presidenta de Implicad@s no Desenvolvemento e educadora social, Ania Piñeiro, explicará métodos e experiencias para a comunicación implicativa. E da conferencia de clausura encargarase a partir das 12.30 horas a catalá Marta Martorell, que falará de democracia implicativa para os procesos de cambio social.

17 de xullo de 2013 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.