O Instituto de Estudos Miñoranos comeza a 12ª tempada das Xeiras do Verán
O vindeiro mércores 10 de xullo dará comezo a 12ª tempada consecutiva das tradicionais Xeiras do IEM, unha serie de visitas-guiadas a distintos lugares de especial interese histórico, artístico, natural e paisaxístico do Val de Miñor e a súa contorna. Trátase de pequenos percorridos a realizar polas tardes ou ao anoitecer dirixidos por especialistas no tema da visita.
Como novidade, este ano presentamos unha ruta de recente creación que percorrerá a Serra da Groba seguindo as minas de ouro explotadas durante a ocupación romana. Tamén nesta tempada retomaremos as rutas marítimas, cunha travesía en barco* polo litoral da bisbarra na que prestaremos especial atención á cultura mariñeira. Non fallarán as visitas guiadas a fermosos lugares da comarca que como sempre nos amosarán os seus secretos e misterios agochados na tradición e a cultura popular. Tamén a Colexiata de Baiona e o Pazo de Barreiro abrirán as súas portas nesta tempada. Por certo, o calendario abranguerá as tradicionais visitas pola arte rupestre do Monte Tetón e Monteferro así como a sempre abraiante “Noite de Estrelas e Lobos”.
Para asistir non hai máis que presentarse no lugar de encontro á hora indicada e lembrar que para manter estas e as demais actividades do IEM precisamos sobre todo da vosa presenza pero tamén da vosa colaboración e axuda, que pode ser dende facerse socio, mercar un libro ou unhas postais.











