O II campionato do mundo de Pitch & Putt que se celebrará en Oroso contará con 108 xogadores de 11 países

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioDeportesDeportes PortadaLocalLocal PortadaOroso
A-
A+

Un total de 108 xogadores de 11 países participarán no segundo Campionato do Mundo de Pitch & Putt, que se celebrará en Oroso do 4 ao 7 de xullo de 2013 organizado pola Federación Internacional de Pitch & Putt (FIPPA) e a Asociación Galega de Pitch & Putt (ASGAPP). Un evento que se disputará nas instalacións de Tambre Pitch & Putt na Gándara (Oroso)  e que conta coa colaboración do Concello de Oroso.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, considera “un orgullo que Oroso sexa a sede deste campionato mundial pola súa beneficiosa repercusión, tanto a nivel social e económica, como mediática, ao dar a coñecer este concello por todo o mundo”. Recoñecido afeccionado a este deporte, nacido en Irlanda como unha versión máis accesible do golf, Manuel Mirás asegura que “relaxa moitísimo, vén moi ben para a saúde e pode practicarse dos 7 aos 90 anos, pois é máis técnica ca forza. É un diamante en bruto e nos sentimos orgullosos de que apostarades por nós para ser a sede deste campionato mundial”.

Programa

Mañá xoves, 4 de xullo, terá lugar a primeira xornada de adestramentos oficiais, concretamente entre as 9 e as 21:00 horas. A segunda xornada de adestramentos celebrarase na mañá do venres 5, entre as 9 e as 13:00 horas. A cerimonia de inauguración terá lugar o venres 5 de xullo, ás 13:30 horas, e contará coa presenza de:

– Manuel Mirás, alcalde de Oroso

– Luís Rey Villaverde, concelleiro de Deportes

– Frank Smith, presidente da Federación Internacional de Pitch & Putt (FIPPA)

– Víctor Moscatel Mendelson e Joeb Van Mourik, vicepresidentes da FIPPA

– Martin Whitelaw, secretario xeral da FIPPA

– Víctor Rodríguez, presidente de Tambre Pitch & Putt

Unha inauguración que dará paso ás dúas primeiras rondas do campionato de 18 buratos (ás 15:30 e ás 18:30 horas). Para o sábado 6 de xullo quedan outras dúas novas rondas a 36 (ás 9:30 e ás 12:30 horas) e 54 buratos (ás 15:30 e ás 18:30 horas). O domingo 7 de xullo, ás 8:30 horas, comezará a ronda final a 72 buracos. Ás 14:00 horas celebrarase a entrega de premios e a cerimonia de clausura do campionato.

Participación galega

Este segundo Campionato do Mundo de Pitch & Putt contará coa presenza dun total de 108 xogadores, os mellores do mundo, seleccionados nas Asociacións ou Federacións membros da FIPPA. Por primeira vez haberá representación de Galicia no campionato, cun total de 11 xogadores. A delegación máis numerosa é a española, cun total de 38 xogadores: 25 cataláns, 11 galegos e 2 vascos); seguida por Irlanda, con 23 xogadores. Tamén participan xogadores de Holanda (13), Noruega (9), Andorra (8), Gran Bretaña (5), Australia (4), Suíza (3), Portugal (2), Chile (2) e Alemaña (1).

Entre eles, os máximos favoritos son: o noruegués Bernt Kristian Nerland (campión de Noruega 2013), o catalán Fernando Cano (campión do Mundo 2009), o irlandés Frank Dineen (campión do Open de Irlanda 2011), o portugués Hugo Espírito Santo (campión de Portugal 2013), o irlandés Ian Harrelley (campión de Europa 2011), o australiano James Rogerson (campión do Open Australia 2013) e John Deeble (campión da Gran Bretaña 2013).

Elección de Oroso

As instalacións do campo de Tambre Pitch & Putt en Oroso impuxéronse na votación final da Asemblea Anual da FIPPA a outras potentes candidatas presentadas por Irlanda, Holanda e Corea do Sur. De feito, o campo orosán é o único dos sete campos galegos que cumpría coas condicións precisas para albergar a máxima competición deste deporte.

O Pitch & Putt é un deporte creado nos anos 50 en Irlanda e concibido como unha popularización do seu deporte de orixe: o golf. O seu crecemento en todo o mundo está sendo exponencial, tanto pola súa accesibilidade e custos menores na súa práctica, como polo baixo custo tamén na construción e mantemento das instalacións nas que se practica.

A Asociación Galega de Pitch & Putt ten pouco máis de tres anos de vida, aínda que xa conta con máis de 1.200 licencias e moitos máis xogadores (pois para xogar non fai falla ter licenza). A nivel nacional, as comunidades con máis xogadores son Cataluña (con 14.000 licenzas e uns 30.000 xogadores) e País Vasco/Navarra (con case un milleiro de licenzas).

O presidente de Tambre Pitch & Putt, Víctor Rodríguez, explica que “é máis económico iniciarse no Pitch & Putt que en golf, porque en pouco tempo xa estás xogando, cando no golf tardas meses. Ademais, é máis rápido, pois podes xogar os 18 buratos en hora e media fronte a percorridos de máis de catro horas no golf”.

3 de xullo de 2013 | 20:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.