O grupo de rock Astarot actuará nos concertos de verán de Nigrán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalNigrán
A-
A+
Astarot

Astarot

O grupo de rock do Morrazo Astarot súmase ao cartel dos Concertos de Verán, que se celebrarán os días 23 e 24 de agosto na explanada de Praia América, e que contan con artistas do talle de Seguridad Social e David Civera. Astarot, que actuará o día 23 xunto con Seguridad Social, acumula xa trinta anos versionando temas Heavys de Rosck&Roll en múltiples locais emblemáticos da bisbarra.

Na súa traxectoria destacan os seus cinco discos publicados e ser un dos seis finalistas do concurso Pop-Rock Gordons en 1990, organizado pola cadea 40 Principales celebrado na Discoteca Oh (Madrid), onde se presentaron un total de setecentos grupos. Na actualidade, o grupo está integrado por Carlos Rodal (baixo), Carlos Gandón (guitarra), Tebi (batería), Tony (teclados) e Wes (voz).

Historia

Astarot nace no ano 1983, cando catro rapazas do Morrazo fundan un grupo de rock chamado Astarot, con idea de facer versións Heavys para tocar nos locais que eran berce do rock, hoxe en día, moitos con nomes cambiados. Estreándose cun grupo de Vigo chamado CRITER no baile vello de Hio, pouco a pouco foron marchando todos os compoñentes do grupo quedando soamente da formación inicial Carlos Gandón, guitarrista e fundador da banda.

A partir do ano 1984 empezan a tocar por toda a bisbarra do Morrazo e Vigo: Pub a Laxe (Bueu), Discoteca Fantasy (Cangas), Pub Gran Sol (Nerga), Discoteca Cosmos (Vigo), Pub Faros (Vigo), Discoteca Psicose (Vigo), Primeiro Festival Vilariño Rock, Pavillón de Romarigo (Cangas), praza de touros desmontable en Marín, praza de touros desmontable en Cangas e un longo etc….

O momento culminante desta etapa chegou en 1985, cando tocaron co grupo madrileño HAMLET na Discoteca Saturno 3 (Cangas), rebentando o aforamento do local. Naquela época, Astarot xa contaba con tres dos compoñentes actuais, Wes, Carlos Rodal e Carlos Gandón, incorporándose Tebi no ano 1986.

No ano 1985 preparan o seu primeiro disco “Donde se Hospeda el Pasado”, gravado nos Estudos Musitron de Madrid baixo a produción de Alfredo Garrido que se editou en formato de vinilo. A crítica deste disco foi aclamada dende diversos puntos do panorama estatal, (Ou Pirata, Carlos Pina, Mariano García, Heavy-Rock, Metallhammer, etc.), así como por emisoras e revistas de gran prestixio.

No ano 1990 o grupo queda finalista no concurso Pop-Rock Gordons, organizado pola cadea 40 Principales, celebrado na Discoteca Oh (Madrid), onde un total de setecentos grupos se presentaron, só conseguiron chegar á final seis, entre eles os ASTAROT. A semana seguinte tocan no programa de moda que se emitía en Tele 5 chamado “La quinta marcha”.

No ano 1994 nace o segundo disco dos ASTAROT “Respirando”, empezando a tocar por varios puntos da capital: A nave, Cabalo de aceiro, Heaven, Block, La Leyenda etc… e por diversos puntos da xeografía española, e mesmo no Norte de Portugal. Este disco foi producido por ASTAROT e José Manuel Tasende, e gravado nos estudos Cormorán en Padrón.

O terceiro disco “Apuesta y Gana”, é quizais o máis determinante na súa carreira, xa que se produce un cambio de perspectiva orientativa e de dirección na traxectoria do grupo. Por un lado, a incorporación de Wes como vocalista, e polo outro, a predisposición do grupo para incluír dous temas cantados en galego.

O cuarto disco “ASTAROT-The Refrescos” é un disco experimental compartido, cara A (ASTAROT) e cara B (The Refrescos), unha idea deseñada polo seu produtor Alfredo Garrido, unha experiencia un tanto rara pero interesante. Hai que dicir que este disco está cantado totalmente en galego e que a partir de aquí, o camiño do grupo está claramente enfocado e diseccionado empezando a pisar grandes escenarios con xente de primeiro nivel: Cástreos (Vigo), Estadio de Balaídos (Vigo), Ínter Céltico do Morrazo, TVG.

No seu facer Astarot garda unha experiencia inesquecible e irrepetible, como foi tocar con Milladoiro, fusionados ambos os dous grupos na noite do XXV aniversario do Real Club Celta de Vigo, compartindo cartel con Carlos Santana.

O quinto disco, “O sentir dunha Terra” é o da consagración do grupo, e unha homenaxe descaradamente impactante á cultura musical galega, a forma en toda a súa expresión de Rocanrrolizar a música galega sen límites. Na súa realización colaboraron artistas como Suso Vaamonde, Los Tamara, Mini (A Quenlla), Susana Seivane, Fuxan os Ventos, Javi (Heredeiros da Crus), Saraibas e Xocas, o que fai deste disco a xoia por antonomasia destes mozos do Morrazo.

O sexto disco, “Longa Noite de Pedra”, é un culto aos poetas galegos a través da música: Rosalia, Curros, Celso Emilio, Baldomero Iglesias, Bernardino Graña, Méndez Ferrin, Darío Xohan Cabana, proxecto que na actualidade están a presentar por toda a xeografía galega.

14 de xullo de 2013 | 06:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.