O grupo de autoaxuda para a promoción da saúde abordará a hidratación e a exposición ao sol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O grupo de autoaxuda para a promoción da saúde continúa a súa actividade durante o verán abordando temas máis relacionados con esta época do ano. A partir do 16 de xullo e ata o 17 de setembro, as persoas que desexen asistir ás sesións dirixidas pola doutora de Familia, Natalia Prego Cancelo, poderán resolver as súas dúbidas e ampliar coñecementos prácticos sobre asuntos como a necesidade de hidratarse correctamente ou sobre os efectos `positivos ou negativos de tomar o sol.

A asistencia a este grupo de autoaxuda é libre e non fai falta inscribirse previamente. As xornadas celebraranse todos os martes no seminario número 2 do Auditorio en horario de 19:30 a 21:30 horas. As catro primeiras sesións dedicaranse a temas específico relacionados co benestar físico. Así, abrirase a temporada de verán o martes 16 de xullo cunha sesión destinada a ensinar aos presentes técnicas de respiración, unha ferramenta de autoaxuda que se pode utilizar para diminuír a ansiedade, o estres e mesmo para mellorar a calidade do sono.

A segunda das xornadas dedicarase a un tema moi importante coas altas temperaturas: a hidratación. A doutora explicará a necesidade que temos de hidratarnos convenientemente e os efectos da deshidratación.O sol é outra das temáticas que abordará o grupo de autoaxuda. A doutora explicará as avantaxas que ten tomar o sol e tamén os prexuízos e dará consellos sobre como expoñerse ao sol de forma segura e beneficiosa para a saúde. A última das sesións temáticas sobre a saúde física será a dedicada á alimentación saudable.

As últimas semanas deste novo ciclo do grupo de autoaxuda centraranse en temas relacionados co benestar emocional e nelas daranse a coñecer algunhas ferramentas que as persoas temos ao noso alcance para tratar de mellorar e nosa saúde a nivel emocional.

Aasistencia ás xornadas do grupo de autoaxuda son libres e gratuítas e os interesados poden asistir a unha que lles interese especialmente, a varias ou a todas. A idea é ampliar coñecementos a través as explicacións da doutora, resolver dúbidas e compartir experiencias que contribúan a aliviar sintomatoloxías leves ou malestares que non precisan tratamento médico ou farmacolóxico, de xeito natural, seguindo un modo de vida saudable e practicando exercizos ou técnicas que proporcionan benestar físico e psicolóxico.

7 de xullo de 2013 | 12:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.