O Goberno municipal executa obras de mellora no ámbito natural de Nostián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, acompañado da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá as obras que se están a executar no núcleo de Nostián para mellorar e conservar o camiño do Barro Blanco. Esta iniciativa enmárcase dentro do compromiso do Concello de recuperar espazos públicos e do plan de conservación do medio rural no que participa o Goberno galego a través da Consellería do Medio Rural e do Mar.

O concelleiro de Medio indicou que as obras se executan a bo ritmo, polo que se prevén concluír os traballos en dúas semanas. Cun investimento de 40.000 euros, as obras inclúen a conservación e mellora do camiño do Barro Blanco, que ten unha lonxitude de 305 metros, cun ancho de 4 metros, así como dunha explanada na zona do núcleo de Nostián de 80,75 metros cadrados. Deste xeito, o Concello atende unha vella demanda dos veciños deste barrio coruñés.

Os traballos que se desenvolven neste proxecto melloran as conexións do barrio de Nostián co resto da cidade e inclúen a limpeza dos bordos do camiño, así como a escavación e desmonte ao longo do trazado e das cunetas. Tamén se colocará unha capa de zahorra e un pavimento novo para facilitar a conservación da pista en perfectas condicións. Por último, colocarase unha canaleta con reixa para a recollida de augas pluviais e un tramo de cuneta revestida de formigón.

COLABORACIÓN INSTITUCIONAL

Enrique Salvador e Belén do Campo destacaron a colaboración institucional para a realización deste tipo de proxectos que contribúen á recuperación dos espazos naturais e á conservación do ámbito rural que rodea á cidade da Coruña. Neste caso, os traballos permitirán a mellora desta pista rural de titularidade municipal situada no acceso a Nostián.

Nesta liña de traballo e de coordinación entre administracións, o Concello xa desenvolveu outros proxectos con idénticos obxectivos ao que agora se executa en Nostián e onde tamén existía unha demanda de veciños e usuarios. É o caso das obras de acondicionamento das senllas peonís no ámbito da Torre de Hércules e Punta Herminia. Neste caso, cun investimento de máis de 20.000 euros a través dun acordo coa Consellería do Medio Rural e do Mar, os traballos permitiron a rexeneración das senllas e deixándoas en perfectas condicións para o uso e desfrute dos cidadáns.

1 de xullo de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.