O goberno municipal da Coruña instalará ascensores en tres puntos da cidade e escaleiras mecánicas
O tenente de alcalde de Medio Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, presentou esta mañá os proxectos gañadores do Concurso de Ideas para mellorar a mobilidade peonil en cinco puntos singulares da Coruña. Tal e como recordou, trátase de Maestro Clavé, Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo, Marqués de Cerralbo, Capitán Troncoso con General Alesón e Magistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez, diferentes puntos da cidade que presentan problemas de mobilidade e accesibilidade: “Trátase dun dos primeiros pasos do plan do Concello para instalar ascensores e escaleiras mecánicas nos puntos de maior dificultade e supón un importante esforzo para que A Coruña sexa unha cidade cada vez máis accesible, a materia pendente dos últimos anos”, sinalou Fernández Prado. Os proxectos gañadores foron:
Maestro Clavé: ‘Escaleira mecánica universal’. Premio dotado con 10.000 euros.
O proxecto gañador propón a instalación dun total de cinco escaleiras mecánicas que comuniquen as diferentes cotas e que xeren espazos públicos. A particularidade das escaleiras é que serán aptas para todo tipo de usuarios ao permitir o desprazamento de persoas en cadeira de rodas, con mobilidade reducida ou que transporten obxectos voluminosos, grazas a un sistema que converte tres dos chanzos nunha plataforma que se activa mediante un botón. Pódense utilizar tanto para subir coma para baixar.
Ademais, concedeuse 2 accésits de 1.500 euros cada un, ás propostas ‘+Accesible’ e ‘Maestro Clavé: accesibilidade universal para tod@s’.
Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo: ‘Entrerrúas’. Premio dotado con 2.500 euros.
A proposta gañadora propón, ademais dunha solución ao problema de accesibilidade, unha ordenación do espazo para eliminar obstáculos e potenciar a visibilidade das escaleiras. Trátase de colocar un elemento único, case escultural, para situar un ascensor e unhas escaleiras en espiral. Aínda que se utilizarán distintos materiais, destaca o uso da madeira.
Ademais concedéronse dous accésits de 500 euros cada un a ‘Máis que unha escaleira’ e ‘MOVCÑ75B’.
Marqués de Cerralbo
O xurado propón valorar primeiro se é suficiente a instalación do ascensor na rúa Troncoso para resolver o problema de accesibilidade na zona. Non existe proxecto gañador pero si dous accésits dotados con 1.500 euros cada un: ‘De rúa a prazas’, que propón o uso de escaleiras e plataforma salvaescaleras para deixar espazo para a configuración de pequenas prazas; e ‘Serendipia’, que propón 4 tramos de escaleiras mecánicas.
Capitán Troncoso con General Alesón: ‘Isadore’. Premio dotado con 3.500 euros.
A proposta gañadora consiste na instalación dun elevador dentro do propio muro de remate da rúa Troncoso para non reducir o ancho da vía nin obstaculizar as vistas das vivendas. Formula a construción dunha sala abovedada como lugar de espera e resgardo, mentres que en General Alesón se instala un elemento de vidro curvo.
O segundo premio, de 1.400 euros, foi para o proxecto ‘Porta Nova’.
Magistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez: ‘DosC’. Premio dotado con 2.500 euros
O proxecto gañador propón a instalación dun ascensor para solucionar o problema de accesibilidade. Consiste nunha torre para o ascensor, unha ponte e unha escaleira, todo en formigón. Trátase dunha proposta sinxela cuxa proposta de execución minimiza o tempo no que non se pode acceder entre as cotas existentes. Valorouse que a proposta de intervención evita xerar cantos e abre o espazo público.
O segundo premio (de 1.000 euros) recaeu na proposta ‘Verde quéroche verde’.
Un centenar de propostas recibidas
O responsable de Infraestructuras mostrou a súa satisfacción polo interese suscitado polo concurso, xa que se presentaron un centenar de proxectos, sendo Marqués de Cerralbo e Maestro Clavé, as que recibiron máis propostas (24 cada unha. Fernández Prado asegurou que o obxectivo do Concello ao convocar o concurso se cumpriu: “Non só damos solución a un problema de mobilidade e accesibilidade, ademais coa posta en marcha dos proxectos, dinamizamos, en condicións de igualdade e libre concorrencia, as oportunidades de traballo en sectores castigados polas circunstancias económicas”, subliñou.
Para seleccionar os gañadores o xurado tivo en conta que as propostas cumprisen os requisitos de mellora da mobilidade, ademais de funcionalidade e sinxeleza, viabilidade económica e versatilidade. Tamén que as propostas lograsen satisfacer ao maior número de persoas posible. Fernández Prado agradeceu a colaboración dos colexios profesionais de Arquitectos, Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, Enxeñeiros Industriais, así como do membro seleccionado polos participantes, polo seu tempo e dedicación. Os premios serán entregados no marco da exposición que proximamente se organizará con todos os traballos seleccionados e o fallo do concurso publicarase na web municipal nas próximas horas.
Fernández Prado recordou a grande aposta pola accesibilidade deste Goberno local como as subvencións á instalación de ascensores; as obras da primeira fase do Plan de Accesibilidade, con 260 intervencións -a maior parte no ámbito do Casco Histórico e Peixaría- e un investimento de 410.000 euros; os 415.000 euros que, dentro do Plan Urbana C, se destinan a 90 obras que mellorarán a accesibilidade e mobilidade nas zonas de Agra del Orzán, O Ventorrillo, Riazor e Visma; as bonificacións -ata o máximo permitido por lei- na ordenanza fiscal número 55, relativa ao imposto municipal sobre construcións, instalacións e obras, para a execución de traballos en edificios xa existentes, que favorezan a accesibilidade aos discapacitados; a instalación de escaleiras mecánicas na zona do Mercado de San Agustín: ou a colaboración con Grumico na segunda fase da Guía Coruña Accesible.











