O goberno municipal advirte do mal uso do servizo gratuíto de recollida de voluminosos polos veciños de Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas advirte do mal uso do servizo de recollida de residuos voluminosos ao detectarse a aparición en vía pública de aparellos abandonados xunto a colectores sen o preceptivo aviso previo de recollida á empresa concesionaria, Urbaser. O uso indebido deste servizo pon en perigo a súa continuidade debido á súa mala aplicación práctica.

Co fin de corrixir esta situación, o alcalde Perfecto Rodríguez, ditou un bando no que se informa aos veciños dos trámites que deben seguir para favorecer a recollida e evitar a presenza na vía pública destes elementos que afean por completo a imaxe estética da vila e zonas rurais do municipio.

Así, infórmase que para utilizar o servizo deben chamar previamente por teléfono a Urbaser, ao número 986 40 80 34, indicándolles a situación e as características dos residuos a recoller. Os operarios da empresa concesionaria do servizo de lixos informarano de cando debe depositar os aparellos na vía pública co fin de que a recollida sexa case inmediata e non permanezan os residuos máis tempo do estritamente necesario.

SERVIZO GRATUÍTO EN ZONA URBANA E NO RURAL

O servizo de recollida de voluminosos realízase de xeito gratuíto para o usuario tanto en zonas urbanas como rurais e a intención do Concello de Ponte Caldelas é, ademais de contribuír a solucionar un problema pesado para os veciños, evitar a proliferación de elementos inapropiados na vía pública que afean a fisionomía da vila e as zonas rurais.

Así mesmo, segundo a experiencia acumulada no Concello, é precisamente en época estival cando máis se aproveita para facer cambios nos domicilios e labores de renovación, ao tempo que tamén é o período no que o municipio recibe o maior número de visitantes que se levarían unha imaxe pouco edificante de Ponte Caldelas se non se utiliza correctamente este servizo.

A chamada previa ao teléfono 986 40 80 34 obedece á necesidade de articular a loxística da empresa Urbaser co fin de evitar a presenza destes voluminosos ao tempo que se optimizan os recursos de recollida, é dicir, o uso de camións máis ou menos grandes en función da accesibilidade do lugar onde se depositan e do propio volume dos residuos.

Esta iniciativa súmase á campaña de información desenvolvida polo Concello de Ponte Caldelas co fin de incrementar os datos de recollida selectiva que, nos últimos tempos diminuíron considerablemente.

23 de xullo de 2013 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.