O goberno de San Sadurniño leva a pleno o regulamento orgánico do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

Este sábado a partir das 11.30h volve haber pleno en San Sadurniño. Neste caso trátase dunha sesión ordinaria con oito puntos na súa orde do día. Os asuntos fortes son a aprobación da conta xeral de 2012, dúas mocións que presentará o BNG e, sobre todo, o sometemento á valoración do pleno do regulamento orgánico que rexerá de agora en diante o funcionamento do Concello.

O regulamento orgánico é un conxunto de artigos que condensan grande parte da normativa existente en materia de rexime local, especialmente aquela referida aos órganos que compoñen o Concello e o seu funcionamento. Ademais, San Sadurniño incorpora no mesmo documento a regulamentación da participación cidadá nos asuntos públicos, de maneira que o regulamento orgánico que se someterá a debate e votación este sábado poida garantir “o bo funcionamento dos órganos políticos da institución, así como a súa transparencia e apertura cara á cidadanía […] e o aseguramento da democracia local”, tal e como se describe no limiar do texto.

O regulamento contén catro títulos cun total de 58 artigos que definen os órganos municipais, as competencias que teñen, o funcionamento do pleno e doutros órganos colexiados -como é a xunta de goberno local- e, por último, os estatutos dos membros da corporación e dos veciños e veciñas. 

Na práctica, o regulamento supón o traslado ao papel dun xeito de facer as cousas que xa se viña poñendo en práctica desde hai tempo pero que, desta maneira, se converte en norma de obrigado cumprimento e nunha guía de funcionamento do municipio dispoñible tanto para os grupos políticos como para o resto da cidadanía.

Conta xeral do 2012

Na sesión tamén se lle dará o visto e prace á conta xeral do Concello correspondente ao 2012. Nun pleno anterior xa se aprobara a liquidación, que resultou nun superávit de máis de 150.000 euros. Porén, a conta xeral -o que sería o balance anual nunha empresa- ofrece datos sobre o grao de cumprimento dos orzamentos municipais ou, dito doutra maneira, é un indicador de se o equipo de goberno acertou ou non á hora de facer as previsións para xestionar o Concello durante o 2012. Segundo a concellaría de Facenda, o ano pasado pechou cunha execución do 80% en canto aos gastos e dun 82% no capítulo de ingresos. Unhas porcentaxes por riba da media dos concellos galegos, que anda entre o 65 e o 70% nestes apartados.

Mocións nacionalistas

A orde do día do pleno tamén recolle dúas mocións do BNG, unha en defensa dos postos de traballo da factoría de Gamesa nas Somozas e outra de reprobación da actitude dos gobernos do Estado e autonómico “pola posición insensíbel e enganosa perante os compromisos asumidos coa comarca e pola falta de medidas concretas na defensa do emprego e dos nosos sectores produtivos”.

Ademais dos puntos de trámite, a sesión tamén abordará a modificación do inventerio de bens do Concello coa incorporación dun terreo adquirido recentemente no lugar da Vila, en Ferreira, para instalar nel un foxo séptico comunitario que lle dará servizo a dez vivendas da zona.

4 de xullo de 2013 | 10:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.