O goberno de Ourense elabora novas bases transparentes, obxectivas e eficaces para a selección de persoal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

O goberno municipal prepara unhas novas bases para a selección de persoal laboral temporal e funcionarios interinos que fomentarán a transparencia, eficacia e obxectividade nos procesos selectivos. A directora xeral de Recursos Humanos e Servizos Xerais, Carmen Rodríguez Dacosta mantivo unha xuntanza esta mañá cos sindicatos con representación municipal (USO, CSI-CSIF, UGT, CC OO e CIG), aos que avanzou as liñas básicas da nova normativa, que o Concello pretende consensuar cos representantes dos traballadores.

O goberno municipal aprobara no anterior mandato unhas bases de selección que regulaban dous procedementos diferenciados para a selección de persoal temporal e do persoal funcionario. Esta normativa supuxeron un claro avance, xa que anteriormente non había ningunha de referencia, e a súa aplicación permitiu detectar posibilidades de mellora, que son as que achegarán as novas bases, que propoñen as seguintes novidades:

– MESMAS LISTAS PARA A SELECCIÓN DE PERSOAL LABORAL E FUNCIONARIO.

 – SISTEMA MÁIS TRANSPARENTE. As listas que se confeccionen serán públicas en todo momento a través da web e manterase actualizadas con datos de contratacións que se vaian realizando, de xeito que todos os interesados saiban en cada momento o posto que ocupan.

– AS LISTAS ÚNICAMENTE SE CONFECCIONARÁN CANDO SE PREVEA INCORPORAR NOVO PERSOAL DUNHA CATEGORÍA DETERMINADA, para evitar falsas expectativas de emprego ás persoas apuntadas.

– CONVOCATORIAS ESPECÍFICAS SEGUNDO AS PRAZAS A CUBRIR. No sistema actual o baremo de méritos e o procedemento de selección é o mesmo independentemente das categorías que se seleccionen. Tamén a composición do tribunal. No novo sistema, dentro do esquema común, poderán introducirse variacións para que en cada caso se valoren aspectos directamente relacionados coas prazas. Ademáis, constituirase un tribunal diferente para cada proceso.

– ELIMINACIÓN DA ENTREVISTA PERSOAL. Poderase acordar na convocatoria específica a realización dunha proba, de carácter práctico, para valorar non só os méritos, senón tamén os coñecementos dos aspirantes.

– PREMINENCIA DOS RESULTADOS DAS OPOSICIÓNS. Cando tras a realización dunha oposición resulten aspirantes que, sen aprobar o proceso, superen máis dun exame, automaticamente quedará formada a lista para prazas temporais, sen máis trámite, pois a superación destas probas é a maior garantía de mérito e capacidade que se pode establecer.

– VIXENCIA TEMPORAL DAS LISTAS. No sistema actual as listas teñen unha vixencia indefinida, e o número de persoas inscritas medra sen parar, pois prácticamente ninguén se dá de baixa.

Carmen Rodríguez-Dacosta convocou aos sindicatos con representación no Concello a unha nova reunión para o vindeiro martes, día 30, coa finalidade de avanzar no debate con vistas á aprobación das novas bases.

Revisión da Relación de Postos de Traballo e concurso de provisión

A directora xeral informou tamén aos representantes dos sindicatos que o Concello está a revisar a Relación de Postos de Traballo (RPT) para determinar o alcance da súa modificación, abordando o proceso en dúas fases.

Nunha primeira realizarase unha revisión da actual RPT en cuestións básicamente de tipo organizativo, incluindo os requisitos de acceso a algúns postos, mellora na definición das características de determinados postos, revisión da descripción das funcións e identificación dos postos de segunda actividade.

Nesta primeira fase non se prevé realizar modificacións que impliquen variacións retributivas, cunha excepción, xa que se pretende incluír a modificación do complemento específico dos postos que perciben na actualidade nocturnidade e festividade para que se contemplen estas retribucións, tal como se establece no acordo regulador.

Nunha segunda fase, posterior, abordarase unha revisión integral, que dará lugar á elaboración e proposta dunha nova RPT.

Carmen Rodríguez-Dacosta informou aos sindicatos que a razón de plantexar estas dúas fases é que se establece como obxectivo prioritario a convocatoria, dentro deste exercicio, dun concurso de provisión de postos de traballo.

Calendario de traballo

O goberno municipal presentou aos sindicatos un calendario de traballo coas seguintes datas de referencia:

– OUTUBRO. Presentación da proposta de modificación da RPT (primeira fase),  e negociación.

– NOVEMBRO. Presentación da proposta de convocatoria do concurso, co obxectivo de aprobala e iniciar o proceso antes de que remate o ano.

– PRIMEIRO TRIMESTRE DE 2014. Resolución do concurso.

– SEGUNDO TRIMESTRE DE 2014. Segunda fase da revisión da RPT.

24 de xullo de 2013 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.