O goberno de Oleiros inaugura a praza Esther Pita cun emotivo acto en Santa Cruz

Inauguración da placa conmemorativa
O Goberno local de Oleiros inaugurou esta tarde a praza que desde hoxe leva o nome da que foi alcaldesa do municipio, Esther Pita Pita. Esta zona de nova creación esta situada na localidade natal da homenaxeada, en Santa Cruz, e sitúase entre a fronte marítimo e o parque Luís Seoane, nas inmediacións do Monumento ao emigrante. O novo espazo transformou esta zona do pobo e mellorou considerablemente a paisaxe urbana neste punto da localidade.
O acto, moi emotivo, contou cunha gran participación veciñal e de representantes do tecido asociativo da localidade e de todo o municipio. A homenaxe comezou coa lectura dun texto conxunto da asociación de veciños Santaia, a Coral Lembranzas de Santa Cruz e o Club de fútbol. Posteriormente, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, tomou a palabra para enxalzar a figura de Esther e destacar a súa entrega, traballo, dedicación e amor por Santa Cruz e por todo Oleiros. «Ben desde o Concello, desde os colectivos veciñais ou a titulo individual Esther dedicou a súa vida a traballar polo seu pobo», sinalou o rexedor.
A continuación falou Esther Pita quen, visiblemente emocionada agradeceu a presenza a todos os asistentes e confesou sentirse incriblemente feliz por recibir esta homenaxe por parte dos seus veciños, compañeiros e seres queridos. Para rematar descubriuse a placa que recorda á ex alcaldesa e fíxose entrega dunha serie de agasallos. Para pechar o acto levouse a cabo unha actuación da Coral Lembranzas de Santa Cruz e da banda de baile e gaitas Santaia, quen interpretaron a muiñeira, Viva Santaia, composta especialmente por Xabier Fonte para o grupo.











