O goberno de Negreira informará no pleno das melloras incluídas na Terceira Rolda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Goberno municipal anuncia que no pleno do próximo xoves, 11 de xullo, se informará á Corporación sobre as modificacións técnicas que se aprobaron para atender as solicitudes dos veciños da zona onde se executan as obras do tramo da Terceira Rolda entre Lonzas e A Zapateira. Esta solución trasládase ao Ministerio de Fomento para que a inclúa nunha adenda ao convenio.

Con esta iniciativa, o Goberno local logra unha serie de melloras que permitirán humanizar a obra e dotala de maior accesibilidade e conectividade. As modificacións técnicas do tramo Lonzas-A Zapateira permitirán humanizar a Terceira Rolda para que se integre nos barrios polos que pasa, á vez que outorgará unha mellor conectividade e accesibilidade.

A Concellaría de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado encargouse de realizar unha análise das obras proxectadas e en execución co fin de incluír estas melloras, algo que, a pesar de ter reiteradas oportunidades para facelo, o anterior bipartito nunca contemplou.

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, conseguiu que a ministra de Fomento, Ana Pastor, aborde a conexión dos barrios do Birloque e Elviña a través das avenidas de Glasgow e Pablo Picasso, tal e como demandan os veciños. Desta forma, modifícase o proxecto de 2008 aprobado na etapa de Zapatero cando Mar Barcón era concelleira de Urbanismo e que provocaba a desconexión entre estes dous barrios, o que o anterior goberno municipal non solucionou a pesar de ter polo menos tres oportunidades.

O Concello pedirá o Ministerio de Fomento que inclúa nunha addenda ao convenio asinado coas seguintes cuestións:

– Deseñar un paso superior que permita manter a conexión, tanto peonil como para o tráfico rodado e de bicicletas, entre as rúas Picasso e avenida de Glasgow.

– Executar un paso inferior que permita o futuro enlace do vial de acceso ao polígono de Vío.

– Executar beirarrúas e carril bici no vial que une Mesoiro coa nova rotonda da Universidade, deixando un carril por sentido de circulación e mantendo a plataforma prevista no proxecto.

– Mellorar a funcionalidade do nó de Mesoiro, onde se encontra a estrada que conecta coa rotonda da Universidade, co acceso dende a autovía ao polígono de Pocomaco.

– Realizar un acceso dende a avenida de Salgado Torres á rúa Pablo Picasso para lograr unha conexión máis directa da AC-14 coa estación de ferrocarril.

– Construír unha pasarela peonil que cruzando a avenida Salgado Torres permita o acceso á rúa Blanco White á zona da igrexa de San Cristovo das Viñas.

8 de xullo de 2013 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.