O goberno de Ferrol mantén coas asociacións empresarias da zona urban un encontro sobre o plan de impulso de actividades económicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
Reunión do goberno coas asociacións empresariais

Reunión do goberno coas asociacións empresariais

Os concelleiros de Economía e Emprego e Participación do Concello de Ferrol -Alejandro Langtry Caínzos e Martina Aneiros Barros, respectivamente- mantiveron esta mañá no Salón de Recepcións do Concello de Ferrol un encontro informativo para presentar o Plan de Captación de Oferta Comercial e Empresarial posto en marcha polo Goberno Municipal ao tecido empresarial de Ferrol Vello, A Magdalena e Canido. Á xuntanza asistiron tamén responsables da firma “Auren Consultores BIO S.A.”, adxudicataria desta iniciativa que o Concello de Ferrol financiará con cargo aos fondos europeos do Plan Urban. Así nesta reunión participaron representantes das seguintes organizacións: a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, a Asociación de Comerciantes de Ferrol(ACOF), a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), a Asociación de Mulleres Empresarias, a Asociación de Profesionais Inmobiliarios do Noroeste (APIN), a Cámara de Comercio, a Asociación Novo Ferrol e a sección de hostalería de ECHO Catabois.

O obxectivo desta sesión informativa foi presentar a estes representantes dos sectores empresariais, comerciais e hostaleiro que actúan no ámbito do Plan Urban Ferrol as medidas deseñadas pola Administración ferrolá e “Auren Consultores” para impulsar e implantar novas actividades económicas nos barrios históricos da cidade. A intención da firma que está a elaborar o plan director do proxecto –primeira fase dunha intervención ambiciosa que tamén contempla campañas de captación de novos negocios- é que o tecido asociativo colabore no seu contido. O plan de traballo exposto pola consultora establece un prazo máximo de tres meses para a definición deste estudio, que servirá de base para a campaña de captación e impulso da actividade comercial en Ferrol Vello, A Magdalena e Canido.

Compre lembrar, que o contrato coa empresa adxudicataria será de dous anos e que cobrará por obxectivos conseguidos, en función do tipo de negocio e postos de traballo que xere o seu asentamento na cidade. O prezo a abonar a dita consultoría oscila entre os 2.000 euros, cando o inversor provén de Ferrol ou comarca e crea un posto de traballo, ata os 4.500 euros por cada novo negocio implantado cando o empresario investidor provén de fora da comarca e supón a creación de polo menos catro empregos. O importe inicial que, a través dos fondos europeos do Urban, o Concello de Ferrol destina a este servizo ascende a 46.736,25 euros (incluído o 21% de IVE).

10 de xullo de 2013 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.