O goberno de Ferrol ampliará os programas de conciliación con maior duración e número de prazas
A Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, informou hoxe sobre o programa de conciliación familiar no que se está a traballar e que sairá proximamente a mesa de contratación para a súa licitación. Así, a proposta contará cunha axuda de 31.219,07 euros por parte da Deputación Provincial da Coruña e cun presuposto que sairá das arcas municipais.
“Creemos que nos tempos que corren é moi importante poñer todos os nosos esforzos para que os pais e as nais poidan conciliar a vida laboral e familiar”, explicou a titular. A intención do Goberno Municipal é que os programas de conciliación duren máis tempo e beneficien a un maior número de persoas. Así, a edil de Igualdade avanzou que as actividades de ludoteca ou de campamentos urbanos “poderán amentar o horario en verán para que estivera máis adaptado á xornada de traballo dos pais, pasando a súa apertura das 9:30 horas, ás 9:00 ou incluso 8:30 horas”. Ademais, as prazas tamén contarán cun notable incremento “espero que podamos contar con 120 ou 140 nenos e nenas distribuídos entres os diferentes obradoiros”, dixo.











