O goberno da Laracha leva a pleno as propostas de deslinde cos termos municipais de Carballo e de Arteixo
A Corporación municipal da Laracha reunirase o próximo mércores, día 31, na sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de xullo. Un dos asuntos que, por iniciativa do goberno local, foi incluído na orde do día refírese ás propostas de aprobación dos deslindes das liñas límite xurisdicionais do termo municipal da Laracha cos de Arteixo e Carballo.
Este trámite administrativo é posible despois do acordo unánime alcanzado nas correspondentes comisións de deslinde tras levarse a cabo un laborioso traballo de campo con especial sensibilidade en núcleos de poboación limítrofes e sempre tendo en conta determinadas situacións que puidesen prexudicar aos veciños ou ás edificación situadas nestas zonas por razóns de pertenza histórica a un concello ou por cualificacións do solo.
A comisión de deslinde da Laracha mantivo cordiais reunións cos seus homólogos dos municipios de Arteixo e de Carballo nas que sempre se fixo patente a vontade de chegar a acordos que permitisen fixar os lindes exactos entre os concellos.
Unha vez superado o trámite do acordo plenario, darase traslado do mesmo á Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia e ao Instituto Geográfico Nacional.
A partir dese momento tamén se iniciarán as labores referidas a plasmar sobre o terreo os acordos de deslinde alcanzados coa colocación dos diferentes marcos segundo indica a cartografía aprobada.
Ordenanza servizo de axuda no fogar
Outro dos asuntos que será elevado ao Pleno consiste na proposta de modificación de parte do texto da ordenanza municipal relativa á prestación do servizo de axuda no fogar.
O cambio proponse por suxerencia da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e coa finalidade de adaptarse ao Decreto 99/2012, de 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.
A modificación da ordenanza non suporá cambio algún nos prezos nin no funcionamento do servizo.











