O goberno coruñés presenta o PEPRI ao Colexio de Decoradores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Reunión co Colexio de Decoradores

Reunión co Colexio de Decoradores

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado polo equipo redactor do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán e técnicos da Concellaría de Urbanismo, mantivo unha reunión con representantes do Colexio Oficial de Decoradores e Deseñadores de Interior de Galicia para informalos sobre o documento e escoitar, de primeira man, as súas inquietudes e suxestións.

Deste modo, o colectivo foi recibido, por primeira vez, polo Concello da Coruña e puido sumar as súas achegas ás realizadas polas 13 asociacións profesionais, veciñais e de comerciantes coas que o Goberno municipal mantivo reunións nos últimos meses. Estes encontros foron un claro exemplo do compromiso do Concello por lograr un documento transparente e froito do dialogo e a participación dos principais implicados.

Neste sentido, os representantes do Colexio de Decoradores explicaron o uso e aplicación que lle viñeron dando, ata a data, ao plan en vigor e expresaron a súa preocupación pola desatención que, consideran, sufriu a Cidade Histórica nos últimos anos. Martín Fernández Prado sinalou que, precisamente, a perda do 10% de edificios catalogados dende 1998 foi un dos factores determinantes á hora de apostar por esta revisión coa que se pretender blindar todo o ámbito, á vez que se aproveita para realizar toda unha serie de actuacións no espazo público que potencien o atractivo e a calidade de vida da zona, pois foi unha das grandes esquecidas (sobre todo no caso da Cidade Vella) dos últimos anos.

Ademais, o concelleiro recordou que todas as vivendas poden ser obxecto de conservación, mantemento, rehabilitación, mellora e mesmo ampliación. Insistiu en que todas poderán optar ás subvencións tanto para realizar obras de mellora como de instalación de ascensores. O obxectivo final é manter e conservar o conxunto histórico nas mellores condicións, para o que será necesario seguir estimulando políticas de rehabilitación dende o Goberno local.

A rolda de reunións continuará con tres encontros cos grupos municipais socialista, nacionalista e de EU-Os Verdes. Os interesados en consultar a revisión do PEPRI poden encontrar a información na páxina web www.coruna.es/urbanismo.

21 de xullo de 2013 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.