O goberno coruñés fomenta o uso do autogas para reducir as emisións contaminantes

Sinatura dos convenios
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, presidiu esta mañá a firma dos convenios de colaboración do director territorial de GLP de Repsol en Galicia, César Joral, coa Asociación Local de Autotaxis da Coruña (Tele-Taxi) e coa Asociación Provincial de Empresarios do Taxi da Coruña (Raio Taxi); acordos que buscan impulsar o uso de vehículos que utiliza o autogas e que nace dunhas xornadas previas organizadas polo Concello e Repsol, coa colaboración dos propios taxistas, para informar das vantaxes deste combustible alternativo.
Dentro dun convenio subscrito entre Concello e Repsol, a Primeira Xornada Técnica de Autogas 2013 (GLP Automoción) celebrouse hai dous meses en Palexco e estivo presidida pola concelleira de Tráfico e Mobilidade, quen xa destacou entón as medidas impulsadas dende o Goberno municipal para fomentar o uso de vehículos con combustibles alternativos.
Freire recordou que o Concello xa dispón de 6 vehículos que utilizan autogas, dentro da política do Executivo local de apostar polo coidado do medio. Os vehículos transformados dispoñen de motores GLP (gas licuado de petróleo), un combustible alternativo que permite un aforro medio do 20% e reduce un 20% as emisións de óxido de nitróxeno e de CO2. Esta iniciativa contribúe ademais a que o Concello siga adiante co seu compromiso de fomentar o uso das enerxías renovables e dos combustibles que supón unha menor contaminación.
Estas medidas para impulsar a utilización de combustibles máis respectuosos co medio súmanse a outras xa desenvolvidas polo Goberno local, como as bonificacións no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica aos propietarios de coches de autogas e que operan con enerxías renovables. Na Coruña, un total de 200 vehículos empregan o autogas, o que supón ao redor dun terzo dos que existen en Galicia, e dos que xa máis de 50 son autotaxis.
A Concellaría de Tráfico e Mobilidade tamén destina 55.000 euros a subvencións para auto-taxi híbridos, eléctricos, a gas natural, gas licuado de petróleo e demais combustibles alternativos; así como para a implantación de vehículos destinados a Eurotaxis, para persoas con mobilidade reducida. As subvencións van dende os 2.950 euros para os vehículos eléctricos e híbridos enchufables aos 2.000 para os vehículos híbridos, GLP, gas natural e outros combustibles alternativos.
O Concello aposta pola innovación e as enerxías renovables, impulsando os compromisos establecidos tras a adhesión da Coruña ao Pacto dos Alcaldes. A concelleira de Tráfico e Mobilidade agradeceu ao sector do taxi coruñés que demostrasen unha vez máis o seu compromiso coa cidade e co medio.











