O Festival Ortigueira recorrerá na súa primeira xornada aos irlandeses Kan e Guidewires

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

Tras a noite da estrea que está prevista finalice Cos cempés alá polas 3 da madrugada, o 29 Festival Ortigueira afrontará o seu primeiro día grande. De cumprirse as previsións da organización, coa proximidade do fin de semana, producirase un dos puntos álxidos da operación chegada, o que permitirá a miles de folkies gozar de dous dos concertos únicos que reserva a edición, os dos irlandeses Kan e Guidewires. O piñeiral de Morouzos suma de xeito constante novos “veciños” e as rúas da vila son xa un ir e vir de xentes das máis diversas tribos.

Co operativo especial a pleno rendemento, Ortigueira vivirá mañá unha das xornadas centrais do certame, xunto á do sábado. Será un día cargado de actividades, no que se multiplicarán as actividades paralelas, cunha noite que concitará a varios cabezas de cartel do 2013 no Escenario Estrela Galicia, tras o concerto dos coruñeses Birimbao e moi especialmente, da tradicional actuación da emblemática Escola de Gaitas de Ortigueira, fundadora do certame alá por 1978.

Despois chegarán dous dos directos a priori máis prometedores deste ano; ambos os dous de bandas irlandesas que debutan na cita folk. Serán os concertos protagonizados polo último e innovador proxecto do frautista Brian Finnegan e o cegador violinista escocés Aidan O’Rourke, Khan, e o enérxico quinteto instrumental Guidewires coas súas melodías pegadizas que, sen dúbida, levantará ao público de á Alameda, antes do fin de festa a cargo de Riobó, grupo liderado pola otrora violinista que acompañaba a Carlos Núñez, Begoña Riobó.

O Concello de Ortigueira, organizador do certame co patrocinio de Deputación da Coruña, Agadic, Consellería de Cultura, Axencia Galega de Turismo e Estrela Galicia, reforzará ademais neste día as propostas diúrnas, destinadas a encher o tempo de ocio dos visitantes.

E así, á feira de artesanía e as exposicións “Momentos” e “Galicia’s dream” se sumarán os talleres de composición musical, a cargo de Ernesto Campos, e o de danza irlandesa con Dominic Graham, director da prestixiosa escola que se encargará ademais das exhibicións de baile da edición; ademais da estrea no Teatro de Beneficencia do filme “Ortigueira: ecos de Finis Terrae” Del jinete films, das norteamericanas Marina e Biliana Grozdanova.

En paralelo, o piñeiral da praia de Morouzos emerxe un ano máis como o segundo centro de actividade do evento folk, un espazo para o descanso, pero tamén para a festa, con interese por si mesmo e que acollerá antes de que remate o día, a máis dun millar de tendas de campañas.

Programación venres 12 de xullo:

Pasarrúas (12:15 h)

Rúa Francisco Santiago- Cantón- Praza de Isabel II. Bagad Glazik Kemper 

Taller de danza irlandesa (16 h- público infantil; 17 h- xóvenes e adultos; 18 h- ensaio conxunto)

Instituto de Ortigueira.

Taller de composición musical (17 h)

Instituto de Ortigueira.

Pasarrúas (19 h)

Francisco Santiago-Cantón-Malecón. Banda de Gaitas Manxadoira e Banda Concello de Os Blancos.

Estrea documental (20 h)

Teatro Beneficencia: “Ortigueira: ecos de Finis Terrae” de El Jinete Films

Escenario Estrella Galicia (22 h):

Birimbao (Galicia)

Escola de Gaitas de Ortigueira (Galicia)

Kan (Irlanda)

Guidewires (Irlanda)

Riobó (Galicia)

11 de xullo de 2013 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.