O Festival Noroeste Pop Rock recupera o directo na elección das bandas que abrirán os concertos
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañado polo director do Coliseum, Javier Rodríguez, e o coordinador do Noroeste Pop Rock, Nonito Pereira, presentou esta mañá as bases para a elección dos catro grupos que participarán no Noroeste Pop – Rock como entrantes. Mediante un concurso pioneiro seleccionaranse a dúas bandas de rock e outras dúas de pop a través dun sistema mixto formado por un xurado profesional e o público.
“Coa posta en marcha deste concurso incentívase dende a cidade da Coruña a creatividade dos músicos residentes na comunidade”, destacou Fernández.
En concreto, o sistema de elección contará con dúas fases:
Fase 1: Preselección. O xurado reunirase para escoitar os traballos presentados e preseleccionará de entre os participantes a oito grupos que participarán na fase 2.
Fase 2: Selección. Os días 15 e 16 de xullo farase a selección final, cunha actuación en directo dos grupos preseleccionados na Sala Túnel do Coliseum, con acceso gratuíto a través de convite. Desta selección elixiranse aos catro grupos que actuarán en directo no Noroeste Pop Rock, que se celebrará na praia de Riazor os días 9 e 10 de agosto.
“Así, esta nova forma de selección dos grupos encargados de abrir os concertos supón unha das grandes novidades desta edición do Noroeste. Teremos moi en conta o directo das bandas, converténdose nunha magnífica plataforma de lanzamento para impulsar as súas carreiras musicais”, destacou a concelleira, quen explicou que para a selección o xurado terá en conta o voto do público presente na sala.
O día 9 de agosto actuarán os dous mellores grupos de modalidade pop, segundo se clasificasen. O segundo clasificado actuará ás 21.30 horas e o primeiro clasificado ás 22.15 horas. O día 10 actuarán os dous mellores grupos de modalidade rock, actuando o segundo clasificado ás 20.30 horas e o primeiro clasificado ás 21.15 horas. Cada actuación terá unha duración de 45 minutos.
A organización do concurso poñerá a disposición dos grupos participantes tanto o escenario coma os equipos de son e a iluminación. Ademais, os dous primeiros clasificados de ambas as dúas modalidades cobrarán pola súa actuación 2.000 euros e os segundos clasificados 1.500 euros.
“Esta proposta forma parte da filosofía deste Goberno local cun festival que queremos que recupere a súa esencia e o esplendor dos seus inicios e devolva ademais o impulso á musical local e aos mozos músicos galegos”, destacou Fernández. “Queremos que o noso Noroeste Pop – Rock -continuou- posiciónese como un dos referentes musicais de cada verán a nivel nacional.
O xurado, que estará coordinado por Nonito Pereira Rey, estará composto polas seguintes persoas:
– Alcalde ou persoa en quen delegue.
– Javier Rodríguez, director do Coliseum.
– José Acuña, director da Escola Municipal de Música.
– Nonito Pereira Revuelta, xornalista musical.
– Iago Martínez, Rockdelux.
– Fernando Sampedro, Popular 1.
– Luis PÁX. Ferreiro, Mondo Sonoro.
– Rubén Novo, Empuje.net.
Os interesados terán que realizar a súa inscrición a través dun correo electrónico na dirección de correo imce@coruna.es ou nas oficinas do IMCE (avenida de La Marina, 18, edificio Casa Paredes), antes das 13.30 horas do día 10 de xullo. Ademais da solicitude, cun pequeno texto de presentación e un informe fotográfico, terán que achegar catro cancións orixinais en soporte físico ou a través dun enlace URL onde estean aloxadas. Cada participante poderá presentar unha soa solicitude, polo menos a metade dos integrantes do grupo debe de estar empadroado nalgún concello galego e ningún grupo puido ser seleccionado para actuar nos concertos do Festival Noroeste Pop – Rock nas edicións de 2011 e 2012.











