O día despois da adxudicación das obras Ames concede a licenza para a ampliación do CEP de Ventín
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou esta mañá a concesión da licenza municipal de obra maior para os traballos de ampliación do CEP de Ventín, que levará a cabo a Xunta de Galicia. Unha vez que no día de onte a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinara o contrato de adxudicación e a empresa presentara a documentación solicitando a licenza de obra, o Concello concedeu o permiso para que a empresa adxudicataria dos traballos poida comezar coas obras de ampliación o antes posible. Este trámite foi posible grazas a que o Concello xa tiña preparados os informes xurídicos e urbanísticos co obxectivo de que o proceso rematase o antes posible.
Deste xeito, o Goberno amiense deu luz verde ao inicio dunhas obras de ampliación moi demandadas pola veciñanza e que permitirán dar resposta ás necesidades que presenta o centro educativo. Na súa reunión de hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou o informe dos servizos xurídicos de urbanismo e intervención relacionados coa concesión desta licenza de obra maior. O obxectivo do Concello con esta xestión foi axilizar ao máximo posible os trámites para que a ampliación se poida iniciar no menor tempo posible. Hai que lembrar a urxencia que supón o inicio das obras de ampliación do CEP de Ventín, dado que o que se pretende é que os traballos de maior envergadura se realicen durante os meses de verán.
Nos últimos meses, o Concello de Ames estivo realizando xestións coa Xunta de Galicia e mantivo reunións con diferentes responsables da Consellería de cara a que se acometese esta ampliación e se fixese co menor prexuízo posible á comunidade educativa.











