O Concello saca a concurso a creación dunha escola de emprendimiento no Agra do Orzán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A área de Emprego e Empresa, que dirixe Luisa Cid, sacou a concurso o desenvolvemento dunha escola de emprendimiento no Agra do Orzán para fomentar a creatividade, o talento e a innovación nas empresas. A iniciativa forma parte do proxecto Urbana C e ten un presuposto de 400.000 euros, dos cales o 80% proceden do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O obxectivo da escola de emprendimiento é propoñer unha serie de actuacións que fomenten o espírito emprendedor e apoien as pequenas empresas para dinamizar o barrio. Para iso, o centro deberá proporcionar ao emprendedor e ao empresario unha serie de recursos que lles axuden nos seus procesos de creación e consolidación empresarial.

Fomentar o intercambio de experiencias e desenvolver proxectos innovadores serán algúns dos labores da escola de emprendimiento, cuxa adxudicataria deberá, ademais, impartir programas formativos e de simulación de empresas, tal e como se reflicte no prego de condicións técnicas.

O futuro centro poñerá en marcha seminarios e encontros temáticos orientados a garantir a relación entre emprendedores e nas súas instalacións tamén se impartirán talleres de traballo sobre mercadotecnia ou finanzas, entre outras materias, dirixidos a sectores específicos do mundo empresarial. Ademais, os alumnos terán á súa disposición un coach para incrementar as posibilidades de éxito de cada proxecto. Este programa de coaching realizarase en dous momentos: un ao principio da experiencia e outro antes da saída ao mercado.

As empresas interesadas en desenvolver o proxecto poden presentar as súas propostas ata o próximo 15 de xullo, inclusive. O prazo de execución será de 12 meses.

A escola de emprendimiento é unha das accións incluídas no proxecto Urbana C para dinamizar o Agra do Orzán. Impulsar a súa actividade comercial e empresarial e favorecer a implicación veciñal son outras das actuacións municipais previstas para modernizar e revitalizar o barrio, que tamén mellorará -a través do mesmo proxecto- a súa accesibilidade, o número de zonas verdes e a calidade do seu espazo público urbano.

1 de xullo de 2013 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.