O Concello inicia obras de ampliación da rede de abastecemento e saneamento en tres parroquias
O Concello continuará mellorando o acceso dos veciños a un servizo básico como é o saneamento. Así, a Concellaría de Obras anunciaba esta semana o inicio das obras de ampliación da rede dos servizos de saneamento e abastecemento en tres parroquias da zona rural. En concreto, as intervencións desenvolveranse nos lugares de Montemeao, Esteiro-Saa, Sisalde e Virizo. Neste último punto, os traballos proxectados tamén contemplan a construción dun novo ramal de saneamento.
Así, as obras que agora arrancan contan cun presuposto de 98.131,05 euros, que se financiarán cunha subvención procedente da Deputación Provincial da Coruña. Nesta liña, o Concello tamén avanzou que nas próximas semanas darán comezo dúas obras de reparación de viais municipais, presupostados en cada caso en algo máis de 31.000 euros. Os traballos para atallar o estado de deterioración das vías acometeranse na estrada Sisalde-Hedreiros -pavimentación da vía mediante rego asfáltico- e en Vila do Río-Veciñeira e Saíñas -rebacheo e
pavimentación con rego asfáltico-. O prazo de execución estimado destas oscila entre os dous e os catro meses.











