O Concello de Vilagarcía recomenda aos veciños que tomen precaucións ante as altas temperaturas previstas para a fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Ante as elevadas temperaturas que se están a rexistrar dende onte e dado que as previsións apuntan a que a situación se manterá durante os vindeiros días, o Concello aconsella aos veciños que tomen as debidas precaucións para evitar problemas de saúde. Estas recomendacións son especialmente importantes para persoas maiores, nenos menores de 5 anos, enfermos crónicos ou que tomen algunha medicación habitualmente, e persoas que realizan traballos físicos intensos ou deportes ao aire libre.

Seguindo o aviso que remite a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, aconséllase evitar saír da casa durante as horas centrais do día (entre as 12 do mediodía e as 6 do serán). Tamén deben beberse máis líquidos, aínda que non se teña sede, sobre todo auga e zumes de froitas lixeiramente fríos.

É recomendable evitar as comidas copiosas, así como alimentarse a base de verduras e froitas, comer menos cantidade pero máis veces ao día, prescindir das comida quentes e das bebidas alcohólicas.

É conveniente manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas de conservación xa que o calor inflúe no deterioro dos mesmos.

Para evitar os efectos negativos do intenso calor, débese reducir a actividade física e aproveitar para descansar con frecuencia á sombra. Para aliviar a sensación de quentura aconséllase usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claros, sombreiro, gafas de sol e cremas protectoras solares.

Se é posible, debe permanecerse en espazos ventilados ou acondicionados e cando estea na casa, utilizar as habitacións máis frescas.

Para manter os fogares nas mellores condicións para soportar as elevadas temperaturas recoméndase baixar as persianas durante o día e pechar as fiestras, mentres que pola noite deben abrirse para ventilar.

Outro consello a ter en conta é non deixar a nenos nin anciáns no interior dos coches estacionados coas fiestras pechadas.

E por último, a Dirección xeral de Emerxencias prega que se axude as persoas que poidan atoparse en maior risco de sufrir os efectos do calor.

5 de xullo de 2013 | 11:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.