O Concello de Verín impulsa proxectos educativos para a redución de abandono escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

O departamento de Educación Familiar do Concello de Verín, a través da iniciativa Escola Municipal de Familia -enmarcada dentro do programa de redución de abandono escolar, financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- promove a realización, durante as vindeiras semanas, de dous novos proxectos educativos: ‘Curso en tecnoloxías da información e da comunicación’ e ‘Obradoiro de graduado e corresponsabilidade’.

Estes proxectos teñen por obxecto o cumprimento da escolaridade obrigatoria, participación en programas destinados á infancia e mocidade, formación de persoas activas e desempregadas, e axuda na formación das persoas que non obtiveron titulación e que hoxe necesitan para o desenrolo do seu currículo.

O primeiro deles, ‘Curso en tecnoloxías da información e da comunicación’, trátase dun programa experimental pioneiro que busca reenganchar aos/ás mozos/as que non remataron os estudos básicos, podendo así, de maneira intensiva e personalizada, obter a axuda requirida para seguir no mundo educativo. A titulación expedida polo Concello de Verín terá a posibilidade de ser homologada coma unha cualificación profesional de nivel 1, no Catálogo nacional de cualificación profesionais (PCPI-FP), obtendo así un titulo de ensinanza regrada. Con este fin, os contidos serán os que dispoña a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e os obxectivos consistirán en cursar parte do PCPI de Informática, en concreto os módulos de “Tecnoloxías da Información e da Comunicación” e de “Realización de Operacións Auxiliares con Tecnoloxías”, que serán acompañados, máis adiante, por un módulo de “Formación en Centros de Traballo”(con prácticas no Concello de Verín.).  A formación se inicia o vindeiro 10 de xullo (remata no mes de setembro) na aula CeMIT situada na Casa da Xuventude do Concello de Verín.

Mentres que o segundo deles, ‘Obradoiro de graduado e corresponsabilidade’, é unha actividade que, de maneira dinámica e con axuda de profesionais, está dirixida aos/as mozos/as que non teñen o título da ESO e coa mesma podan prepararse para acudir á convocatoria libre das probas no mes de setembro, tendo unha oportunidade única de obter este título, que lles axudará na súa vida, tanto para seguirse formando coma para o acceso ao mundo laboral. Os contidos deste obradoiro aséntanse en fomentar a autoorganización do traballo, educación positiva, convivencia cultural, empatía, constancia e demais conceptos específicos das materias que se están traballando para acadar o graduado. O prazo de matrícula para presentarse na convocatoria de setembro remata o día 8 de xullo.

A matrícula destes dous proxectos debe realizarse no departamento de Educación Familiar do Concello de Verín (Punto de Información e Asesoramento Educativo Municipal) situado na Casa da Xuventude (Avda. de Portugal, 11 bis, no teléfono 988 414776 ou no correo electrónico: educadorafamiliar@verin.net

5 de xullo de 2013 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.