O Concello de Teo aínda conta con libros dispoñibles no Banco Municipal de Libros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaTeo
A-
A+

A concellaría de Educación, dirixida por María Álvarez Garea, destaca que o Banco de libros municipal de Teo conta neste momento con libros dispoñibles para varios cursos tanto para Calo como para a Ramallosa. As persoas interesadas en pedir algunha unidade poden presentar a solicitude no Concello.

Para o CEIP da Ramallosa hai libros sen prestar de 3º, 4º, 5º e 6º mentras que no caso de Calo continúa habendo para os cursos de 3º, 4º e 6º de primaria. En infantil non se pode utilizar este sistema xa que se usan libros nos que se escribe.

O 5 de xullo remataba o prazo para entregar as doazóns de libros de texto e unha vez cruzadas as entregas coas peticións vanse entregar 140 libros, 86 na Ramallosa e 54 en Calo. Por número de beneficiarios na Ramallosa hai 18 e en Calo 12 persoas que recibirán algunha unidade para usar no próximo curso.

As persoas que solicitaron libros e van recibir algún do banco serán notificadas dende o Concello dende mañá 9 de xullo. Indicaráselle o lugar e a hora de recollida do material.

O Banco de libros municipal comezou a funcionar no verán pasado para o curso actual e este ano notouse un incremento de doazóns. O ano pasado foron entregados 62 libros a 19 familias. O incremento neste ano é notable tanto en número de unidades doadas como en número de persoas atendidas. Agárdase ademais que durante os próximos días entren máis solicitudes e se poidan facer novas entregas.

8 de xullo de 2013 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.