O Concello de San Sadurniño inicia o proceso de selección de persoal para traballar no plan de infraestruturas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

San Sadurniño contratará ata finais de ano a 8 persoas desempregadas para desenvolver, principalmente, pequenas obras e traballos de mantemento en todo o territorio dentro do Proxecto de mellora de infraestruturas municipais 2013. A convocatoria iniciouse solicitándolle ao servizo público de emprego unha bolsa de candidatos e candidatas que se axustasen aos perfís profesionais necesarios. Estes días as persoas chamadas están entregando a documentación en base á que se baremará a puntuación dos méritos. A semana que vén faranse as entrevistas persoais e desde o Concello agárdase que poidan comezar a traballar arredor do 15 deste mes.

O Proxecto de mellora de infraestruturas municipais 2013 é un plan financiado con parte do superávit do orzamento do ano pasado. En realidade é máis un programa de emprego que de obras, xa que se destinarán 88.000 euros a contratar persoas desempregadas para que leven a cabo distintos traballos de interese municipal, como por exemplo a mellora da accesibilidade nos servizos do local social de Lamas, a construción de grellas no Camiño Arriba e en Ferreira, o arranxo do aparcadoiro do cemiterio de Santa Mariña ou a ampliación do ximnasio municipal.

Obras para as que fan falla dous albaneis, un carpinteiro ou carpinteira, tres peóns da construción, un operario de maquinaria e un auxiliar administrativo que faga tarefas de coordinación relacionadas co proxecto.O servizo público de emprego fixo unha escolma de persoas de San Sadurniño que se axeitasen a eses perfís e envioulle ao concello un listado con 55 persoas.

Esta semana comezou a primeira fase do proceso selectivo co chamamento ás persoas aspirantes para que entreguen a documentación que avala os seus méritos. A experiencia valorarase de acordo coas bases establecidas para cada contratación aínda que tamén se fará unha entrevista persoal.

O Concello deu esta semana para presentar os papeis e, previsiblemente, citarase ás persoas preseleccioadas a semana que vén para a entrevista. Unha vez sumadas todas as puntuacións publicarase a listaxe de persoas que accederán a un contrato temporal até finais de ano cunha xornada diaria de 6 horas. O Concello calcula que as oito persoas contratadas empezarán a traballar a mediados deste mes.

O plan de emprego levarase a cabo integramente con recursos municipais debido á “boa saúde financieira do Concello de San Sadurniño, e nomeadamente ao superávit orzamentario conseguido no ano 2012”, tal e como sinala o informe do proxecto municipal. As obras recollidas no documento técnico desenvolveranse por administración: o Concello contratará o persoal e adquirirá todos os materiais necesarios baixo a supervisión da arquitecta municipal. O sistema é o mesmo que se emprega na rehabilitación das antigas escolas unitarias de Bardaos e Naraío para convertelas en vivendas. Alí traballan catro operarios contratados polo mesmo procedemento, de maneira que entre un e outro programa o Concello estará dándolle un emprego temporal a un total de 12 persoas.

3 de xullo de 2013 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.