O Concello de Pontevedra entrega 18 bicicletas ás facultades do campus
O Concello de Pontevedra entregou esta mañá 18 bicicletas recicladas, pertencentes ao antigo Pillabici, á Universidade de Vigo para uso dos estudantes, especialmente, dos Erasmus.
As bicicletas foron rehabilitadas no obradoiro “Recicletas” que organizou a Concellaría de Benestar Social Municipal, dentro da programación de Casazul, que se impartiu por un especialista entre o 12 de xuño e o 17 de xullo. O obxecto desta iniciativa é que os usuarios teñan uns coñecementos mínimos de formación para o mantemento básico da bicicleta nas súas casas, dado o importante incremento deste transporte na cidade. E está enmarcada dentro da liña da Concellaría de fomentar e dar a coñecer a necesaria ampliación da vida útil dos obxectos da nosa vida diaria como unha bicicleta.
Trátase dun primeiro obradoiro dirixido pola Concellaría de Benestar que pretende ter futuro noutras edicións en coordinación coa área da Concellaría de Mobilidade que dirixe Miguel Filgueira, xa que un dos obxectivos deste programa é fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte na cidade e tamén acadar unha formación complementaria. De feito, a Concellaría xa traballa na reciclaxe doutro lote de bicicletas do Pillabici.
Esta mañá, no acto simbólico de entrega, a concelleira Carmen Fouces estivo acompañada doutros concelleiros como Luís Bará, Demetrio Gómez e Vicente García Legísima que, xunto a outros participantes no obradoiro, trasladaron as bicicletas até a Facultade de Ciencias de Educación onde os esperaba a vicerreitora da Universidade, quen asegurou que as bicicletas serán repartidas entre os distintos centros universitarios da cidade, con especial uso para os estudiantes Erasmus.
A Concellaría de Benestar asinará un convenio coa Universidade para o mantemento destas bicicletas.











