O Concello de Ponte Caldelas destina preto de 230.000 euros do PID a obras de saneamento no rural
O Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, repasou nunha recente reunión co presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, as obras incluídas no Plan de Investimentos da Deputación para os concellos. Preto de 230.000 euros do Plan de Investimentos da Deputación (PID 2012) destinaranse a obras de saneamento en zonas do rural do municipio.
Así o titular do organismo provincial comprometeuse a iniciar, antes de que finalice este verán, a contratación das obras de “Colector en Baltar-Xustáns”, cun presuposto aproximado de 87.643,28 euros, “Colector en Taboadelo”, valorado en 102.564,09 euros, así como a “Rede de saneamento no Lombo- Cuñas”, no lugar de Cuñas, cun gasto próximo aos 28.307,65 euros.
A intención do rexedor municipal é que se empecen as obras neste verán co fin de que antes de finalizar este ano se vexa xa a plasmación destes investimentos.
COLECTOR EN BALTAR-XUSTÁNS
En canto á obra “Colector en Baltar-Xustáns”, o Concello contará coa axuda da Deputación para continuar as obras de saneamento neste lugar, cun presuposto aproximado de 87.643,28 euros e que contempla a instalación dunha condución de augas fecais na marxe da estrada A Reigosa-Xustáns entre Baltar e a entrada ao lugar de Sobreiro, onde xa existe a rede de rede de sumidoiros.
Esta obra permitirá dar servizo de rede de sumidoiros a unha parte das vivendas de Baltar que serán conectadas á EDAR de Xustáns, xa que esta instalación está en condicións de asumir as achegas deste colector toda vez que no seu día a súa instalación xa se dimensionar para atender unha poboación aproximada dunhas 600 persoas, moi superior á totalidade dos residentes en toda a parroquia de Xustáns.
Así, coa construción deste colector de 1.000 metros lineais, Baltar quedará conectado coa EDAR de Xustáns, que actualmente depura as augas residuais dos lugares de Sobreiro e Chan do Casal.
Xa en Baltar, o Concello acometera en 2011 unha primeira fase da rede de saneamento coa instalación de 1.500 metros lineais de colector, cun investimento de 110.000 euros. No futuro seguirá ampliándose a rede de colectores no lugar.
COLECTOR EN TABOADELO
No caso concreto de Taboadelo, o investimento previsto de 102.564,09 euros irá destinado a construír un colector que unha este núcleo rural coa parcela na que se situará a EDAR, coa especial dificultade de ter que instalar unha canalización para conservar o regadío existente.
O colector para augas fecais terá un diámetro de 315 mm. e unha lonxitude de 250 metros lineais. A canalización para canalizar o regadío terá distintas dimensións en función das necesidades.
En Taboadelo, o Concello xa acometeu en anos anteriores varios tramos de rede de sumidoiros cun investimento total de 150.000 euros que agora se completará con esta obra. Así mesmo, o Alcalde espera poder construír a EDAR dentro dos plans de investimentos do Concello para o próximo ano 2014.
SANEAMENTO EN “O LOMBO” CUÑAS
Con esta obra que ten un presuposto de 28.307,65 euros preténdese ampliar a rede de colectores do lugar de Cuñas á zona de “O Lombo” para dar servizo a unhas 20 vivendas.
Para iso instalaranse preto de 300 metros lineais de colectores cos correspondentes pozos de rexistro para conectar esta zona de “O Lombo” á rede de saneamento xa existente en Cuñas que á súa vez son depuradas nunha EDAR construída en pasado ano neste lugar.











