O Concello de Ourense concede a licenza de obra e actividade ao Ministerio de Educación para realizar as obras de rehabilitación no conxunto de San Francisco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local, acordou, na súa xuntanza desta mañá, conceder licenza de obra e actividade ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, para o proxecto de rehabilitación e construción do Arquivo Histórico Provincial e a Biblioteca Pública do Estado no antigo convento de San Francisco.

A licenza posibilita ao ministerio, a través da xerencia estatal de Infraestruturas, a reanudar as obras xa iniciadas no conxunto conventual de San Francisco. A intervención desenvólvese nunha superficie de 17.977,78 m2, conta cunha inversión de 18 millóns de euros e está destinado a convertirse nun gran complexo cultural e patrimonial de referencia para a cidade de Ourense.

O proxecto contempla actuacións nas 3 pezas arquitectónicas que compoñen o conxunto, unha vez rematadas as obras de rehabilitación do antigo claustro gótico, xa aberto ao público. Os tres edificios nos que se procederá a executar o proxecto de contrucción e a rehabilitación serán destinados a: arquivo histórico provincial, biblioteca pública estatal, e depósito de ambos inmobles segundo a proposta dos arquitectos Jose Manuel Casabella e José Luis Martínez Raído, que sustituíron ao equipo ao que se adxudicou inicialmente o proxecto no ano 2000, e no que se  subsanaron unha serie de erros no ano 2007.

O proxecto ten coma obxectivo rehabilitar o contorno histórico patrimonial do antigo Cuartel de San Francisco, que se atopa afectado polo plan Especial do Casco Histórico de Ourense, e dotar de maior funcionalidade, unidade e coherencia arquitectónica aos diferentes inmobles e pezas arquitectónicas que integran o conxunto.

Depósito e arquivo

O inmoble que acollerá o Arquivo Histórico Provincial é no que se concentra a intervención máis complexa, xa que na actualidade o edificio carece dos elementos e instalacións básicos para a súa ocupación.

Dividido en dúas plantas, a baixa acollerá a zona de consulta pública, deixando a planta alta para uso administrativo e obradoiros de tratamento e encuadernación de documentos.

Con respecto ao exterior, o proxecto respecta os elementos arquitectónicos preexistentes. Así no corpo central da fachada sitúase a entrada principal e dependencias complementarias: vestíbulo, recepción, salas de exposicións, consultas e reprografía. Á dereita, a sala de exposicións temporais e á esquerda unha sala de exposicións polivalente.

No acceso secundario, situado na parte de atrás, ubícase o gabinete pedagóxico e dúas aulas de formación comunicadas, formando un salón de actos para conferencias e cursos.

O arquivo, xunto co edificio que albergará a biblioteca, forman unha praza central, que acollerá unha sala de investigación e consulta e unha sala de descanso para os visitantes. Neste espazo prima a escada imperial que comunica ambos edificios e a sala capitular do antigo convento, que aloxará a sala de exposición permanente co material máis significativo do arquivo.

Para dar cobertura ao arquivo, o inmoble do antigo pavillón militar da fábrica de sillería anexa ao convento, será destinado á sede administrativa ou depósito, facilitando o funcionamento do conxunto, e servirá de conexión entre as diferentes pezas arquitectónicas.

O edificio que se convertirá en depósito arquivístico mantén íntegramente a súa estrutura e características, reducíndose a intervención a sustituír o actual enlace co edificio do arquivo, por unha pasarela acristalada protexida exteriormente por unha maia de aceiro inoxidable, e incorporando unha rampa de formigón para salvar o desnivel existente entre os dous inmobles, xerando continuidade e coherencia no contorno.

O arquivo constitúe unha das fontes máis relevantes para o estudo da historia e institucións da provincia, con máis de 4.000 metros lineais de documentación, nos que se destaca a riqueza dos seus fondos da época medieval, convertíndoo nunha excepción no marco do panorama arquivístico galego.

Biblioteca Pública do Estado

O terceiro edificio, de nova planta, albergará a biblioteca pública do Estado. Este é un proxecto xa avanzado, que deu comezo no ano 2000, e ao que se lle da continuidade, completando os aspectos relativos as instalacións, particións interiores e acabados.

Mantense a práctica totalidade da intervención realizada ata o momento, incluída a estructura e as instalacións, que soamente se verán afectadas por lixeiras adaptacións tendentes a mellorar a organización interior. A parte máis importante da proposta céntrase en adaptar o edificio ás esixencias climatolóxicas para facelo máis sostible. Na planta baixa elimínanse os arcos e os falsos pilares que os soportan, deixando soamente aqueles que desempeñan unha función estrutural. Así se elimina o peche e ventanais de medio punto actuais que delimitan a sala da planta baixa, sustituíndoos por un peche acristalado.

Na planta baixa albergarase a biblioteca infantil, hemeroteca e sala de lectura, mantendo as zonas interiores para aloxar as dependencias de uso interno e instalacións.

Coa intervención, o edificio adquirirá un aspecto máis neutro, ademáis de aportar á construcción maior luminosidade e adaptalo á normativa técnica esixida.

Outros acordos

A Xunta local desestima os recursos de Acciona e Extraco contra as sancións impostas polo Concello

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local acordou denegar a pretensión da empresa Acciona Medio Ambiente, S.A., de suspensión do acordo da Xunta de Goberno local de 13 de xuño de 2013 no que o Concello sancionaba a esta firma por incumplimentos no contrato de mantemento e mellora de zonas verdes públicas do Concello de Ourense Lote I (Couto-Carballeira) e Lote II (A Cuña-Casco Vello).

Tamén acordou denegar a pretensión da empresa Extraco, Construccións e Proxecto, S.A., de suspensión dos acordos da Xunta de Goberno Local de 13 de xuño de 2013 sobre incautación de fianza e desestimación de recurso sobre corrección de deficiencias no contrato das obras do “proxecto de restauración paisaxística das antigas canteiras de Montealegre e da construción do edificio do centro de interpretación do xardín botánico de Montealegre”.

Xestión de Montealegre

Por outra banda, a Xunta aprobou o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de xestión do centro de visitantes do Parque de Montealegre.

Este espazo abre ao público de martes a domingos, atendido por persoal municipal polas mañás e por unha empresa polas tardes de martes a venres, máis sábados, domingos e festivos. O Concello saca a concurso este servizo para que, rematado o contrato coa empresa actual, tódalas firmas interesadas podan presentar as súas ofertas e adxudicar o servizo á que presente a mellor proposta.

24 de xullo de 2013 | 15:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.