O Concello de Ortigueira adapta as axudas locais para crear emprego no polígono

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

O Concello Pleno de Ortigueira aprobou na súa última reunión plenaria modificar varios aspectos da convocatoria de axudas para a creación de emprego a través da instalación de novas empresas no polígono industrial. A decisión obedece á necesidade de facer compatibles estas subvencións municipais co plan de incentivos para a venda de chan empresarial que aprobaba hai unhas semanas a Xunta de Galicia e que, entre outras medidas, aposta polo arrendamento como fórmula para facilitar o acceso ao chan industrial.

O Pleno deu luz verde á modificación puntual das bases da convocatoria concibida para impulsar a creación de postos de traballo estables na localidade grazas á captación de empresas para a súa área empresarial. Unhas axudas en concorrencia competitiva, consistentes en 10.000 euros por cada posto de traballo completo creado e cuberto a tempo, ás que poderán optar as firmas que se asenten en Cuiña antes do 15 de novembro do 2013.

Na súa proposta de modificación, o goberno local subliña a necesidade de que as medidas para fomentar o investimento en polígonos industriais impulsadas polas distintas administracións públicas sexan concordantes e compatibles. Para el, e ao igual que acaba de facer a Xunta para facilitar aos emprendedores o acceso a chan industrial en condicións máis vantaxosas, a convocatoria municipal contemplará a fórmula do arrendamento con opción de compra.

Polo tanto, a esixencia de dispoñer da parcela ou infraestrutura do polígono onde realizar a instalación da nova empresa ou centro de traballo poderá acreditarse co correspondente contrato de aluguer. Ademais, incluirase a posibilidade de que transcorrido un prazo de seis meses dende o inicio efectivo da actividade no Polígono Industrial da Rega Cuiña, a firma poida trasladar as súas dependencias a calquera outro domicilio dentro do termo municipal de Ortigueira.

Finalmente, os cambios aprobados, co voto dos populares e a abstención da oposición, abundan na obriga da empresa beneficiaria de devolver ao Concello de Ortigueira o diñeiro percibido en caso de incumprimento das condicións establecidas, explicitar que para iso terá que constituír, por calquera dos medios previstos pola lexislación, unha garantía pola contía equivalente á subvención aprobada, garantía que deberán xustificar debidamente antes de percibir a axuda.

Cabe recordar que o goberno de Rafael Girón reservou no presuposto do 2013 unha partida de nada menos que 300.000 euros en concorrencia competitiva para fomentar e incentivar os proxectos produtivos na área empresarial do municipio, permitindo a creación de emprego e, en consecuencia, a fixación de poboación na localidade.

3 de xullo de 2013 | 20:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.