O Concello de Oroso inicia a entrega dos primeiros nichos en Marzoa

Adxudicación de nichos en Marzoa
O Concello de Oroso iniciou hoxe a entrega dos primeiros 85 nichos adxudicados no camposanto municipal de Marzoa, rematando así un procedemento administrativo iniciado o pasado 20 de febreiro. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, presidiu o acto de entrega dos títulos de concesión administrativa aos primeiros 12 veciños e veciñas do municipio.
Manuel Mirás, que estivo acompañado polo Secretario do Concello de Oroso, aproveitou tamén para solventar algunhas dúbidas entre os presentes. “En especial preguntaban moito sobre o prazo de 75 anos da concesión, polo que lles explicamos que, aínda que o titular da concesión morrese durante ese tempo, a concesión pasaría aos seus familiares”, sinala Mirás Franqueira quen, ante a pregunta de que pasará unha vez pasados eses 75 anos, respondeu con humor que “iso habería que preguntarllo ao alcalde ou alcaldesa dese tempo, pero dame a sensación de que aínda non naceu”.
O prazo de solicitude segue aberto
Estas son as primeiras 12 concesións administrativas de nichos que se entregan en Oroso e durante as vindeiras semanas entregaranse os restantes, até sumar un total de 85 nichos. Manuel Mirás lembrou que o procedemento de solicitude segue aberto e que os veciños e veciñas que estean interesados poden presentar as súas instancias no Rexistro Xeral do Concello de Oroso.
De acordo co prego de condicións da concesión, os veciños poderán optar por realizar un único pago ou dous pagos (a metade antes da adxudicación da concesión e a outra metade seis meses despois da data de adxudicación). Ademais, para facilitar que a maioría de veciños poidan ser titulares das concesións, ningunha persoa, física ou xurídica (soa ou en concorrencia con outras) pode asinar máis dunha solicitude.
Documentación
O Concello de Oroso saca a concesión un total de 75 columnas, con 4 nichos e un cinceiro por cada un, que se adxudicarán como columnas indivisibles ou ben por nichos soltos por un prazo de 75 anos improrrogables. O prezo fixado para cada nicho é de 881,25 euros (11,75 euros/anuais), mentres que o prezo de cada columna será de 3.525 euros. En todo caso, tanto os nichos como as columnas seguirán sendo de titularidade e propiedade do Concello de Oroso, polo que non poderán ser obxecto de compravenda, permuta o transacción de ningunha clase. A maiores, o Concello de Oroso terá á súa disposición outros 2 columbarios para calquera tipo de situación de emerxencia.
Os solicitantes deberán presentar dous sobres con documentación. Un dos sobres incluirá a proposición económica, mentres que o outro incluirá diversa documentación que os veciños interesados xa poden ir comezando a reunir:
– Persoas físicas: copia do DNI
– Corporacións ou asociacións: copia autorizada dos Estatutos e credencial de inscrición no Rexistro de Asociacións, no seu caso.
– Se o licitador non actúa en nome propio ou se é unha persoa xurídica, deberá presentar apoderamento diante da Secretaría do Concello de Oroso.
– Sociedade: copia da tarxeta de identificación fiscal
Así mesmo, deberán entregar unha declaración responsable de atoparse ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias (ante a Seguridade Social e ante as Facendas Estatal, Autonómica e municipal); e declaración de non estar incurso en ningunha circunstancia que incapacite para contratar (de acordo co artigo 60 TRLCSP). Ademais, se varios veciños optan por presentarse conxuntamente, deberán nomear a un representante.
A construción do camposanto municipal de Marzoa supuxo un investimento de 411.946,63 euros (IVE incluído). As instalacións están emprazadas nunha parcela de 7.895 metros cadrados de superficie situada no lugar da Cruz do Folgoso, a carón da estrada CP-3802 Ordes-Pontecarreira.











