O Concello de Oleiros publica a listaxe provisional das prestacións de apoio á escolarización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOleiros
A-
A+

O Concello de Oleiros convocou o pasado mes de xuño as prestacións de apoio á escolarización, cun orzamento de 6.000 €, dentro das medidas contra a exclusión social que ten establecidas a Concellería de Servizos Sociais. O Goberno local trata con esta medida de apoiar a aquelas familias que se atopan nunha situación máis desfavorecida nos gastos extraordinarios que provoca o inicio do curso escolar.

Nesta convocatoria presentáronse 53 solicitudes para un total de 83 menores, todos eles escolarizados nos centros públicos de ensino do concello. Tras rematar o prazo establecido para presentar as solicitudes e unha vez revisadas, publicouse o día 23 de xullo, unha listaxe provisional onde se recollen aquelas que están incompletas e a documentación que teñen que presentar.

A exposición pública faise no taboleiro de edictos do Concello de Oleiros e no Departamento de Servizos Sociais. Esta documentación é imprescindible para poder valorar a solicitude e poder resolver as axudas. O prazo límite para presentar a documentación requirida é o próximo 5 de agosto. A documentación deberá presentarse ante calquera dos rexistros que establece a Lei de procedemento administrativo. O horario do Rexistro Municipal do Concello de Oleiros é de 8.30 a 13.00 horas de luns a venres, os sábados o horario é de 9.00 a 13.00 horas.

26 de xullo de 2013 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.