O Concello de Nigrán estrea unha páxina web para o PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNigrán
A-
A+

O Concello de Nigrán contará dende as 00.00 horas do día 18 de xullo cunha páxina Web específica para o Plan Xeral de Ordenación Municipal -www.plangeneralnigran.org-, que permanecerá activa o resto do procedemento ata a súa definitiva aprobación. “O período de exposición pública do PXOM é unha das fases máis importantes para a definitiva configuración do documento, na que a participación dos veciños será vital,” reitera o rexedor municipal, Alberto Valverde.

Este sitio Web explica a situación actual do documento de ordenación urbanística, así como os próximos pasos a seguir no procedemento oficial de tramitación do PXOM. Así mesmo, aloxa o PXOM na súa totalidade, cunha organización da documentación dirixida a facilitar o acceso a esta, e facilita o modelo de alegacións recomendado polo concello, así como os prazos para a súa presentación.

A Web actuará tamén como soporte de comunicación do documento, informando en todo momento do punto no que se encontra a tramitación do PXOM, así como calquera novidade ou noticia que se xere en torno a el. “O obxectivo de desenvolver esta páxina é achegar o PXOM aos nosos veciños, facilitándolles a realización de calquera dúbida ou consulta que teñan en relación a este,” explica Valverde.

Neste sentido, o rexedor municipal recorda que o documento tamén está exposto dende o pasado día 4 de xullo e ata o próximo 3 de setembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, no Salón de Plenos municipal. “Puxemos a disposición dos veciños a técnicos municipais e da empresa redactora, que orientarán e asesorarán a todas aquelas persoas que o necesiten”, sinala Valverde.

17 de xullo de 2013 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.