O Concello de Lalín continúa promocionando a saída dende a vila de “la vuelta” o 27 de agosto
O concelleiro de Turismo sinala que se “trata de de achegar información sobre esta importante cita para que sexan moitas as persoas de Lalín pero tamén doutros lugares da provincia, de Galicia e mesmo doutros puntos xeográficos as que veñan ao Quilómetro O de Galicia a presenciar a saída desta etapa de “La Vuelta”
O concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, anuncia que “continuamos centrando os esforzos na difusión de “La Vuelta a España”, que nesta edición se nos presenta como unha oportunidade que hai que rendibilizar ao máximo pois ten, grazas á Deputación de Pontevedra, a Lalín como saída da cuarta etapa (Lalín Km0 de Galicia-Cabo do Mundo) o martes, 27 de agosto”.
Neste sentido explica que “despois de poñer en marcha unha campaña conxunta do Concello de Lalín e da AED de potenciación dos aloxamentos hostaleiros e hoteleiros lalinenses, vimos de activar na páxina web municipal, www.lalin.org, diversos contidos en relación con “La Vuelta” a disposición de lalinenses ou visitantes o de calquera persoa que desexe consultar cuestións en relación con este importante evento turístico-deportivo, pois os recursos webs favorecen a accesibilidade”.
Entre estes contidos atópase un banner no que se pode atopar información sobre os paquetes turísticos de “La Vuelta” por Lalín, entre os que se localizan tanto grandes hoteis como establecementos hoteleiros de menor tamaño, dentro do esforzo que desde o Concello e, especialmente, desde a Concellería de Turismo se está a facer para rendibilizar ao máximo o evento.
“Precisamente, a través da habilitación de contidos na páxina web, trátase de achegar información sobre esta importante cita para que sexan moitas as persoas de Lalín pero tamén doutros lugares da provincia, de Galicia e mesmo doutros puntos xeográficos as que veñan ao Quilómetro O de Galicia a presenciar a saída desta etapa de “La Vuelta”, remarca.
“Na páxina web accederán a contidos moi diversos, desde vídeos promocionais de “La Vuelta”; información detallada de cada unha das etapas (lugares por onde pasa, horas de saída, de chegada, etc.), noticias e tamén o cartel anunciador da cuarta etapa “Lalín Km0 de Galicia-Cabo do Mundo (Fisterra) onde se detallan as actividades previstas para a saída de etapa lalinense”, explica.
“Continuamos traballando na implementación de propostas e na optimización de recursos para sacarlle o máximo proveito a de “Vuelta” por Lalín e iremos informando e actualizando contidos e actividades, a medida que os vaiamos definindo, de xeito que cando os teñamos pechados os iremos volcando na web”, precisa.











