O Concello de Ferrol presenta a súa proposta turística para os meses de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga, presentou hoxe a programación turística para os meses de xullo e agosto. Unha oferta que está recollida nos novos folletos informativos encargados pola Administración municipal e que se centran no principal produto turístico da cidade, a Ruta da Construción Naval; ao tempo que recolle as datas e horarios das visitas guiadas ao Arsenal Militar, Navantia e o castelo de San Felipe.

“Quero recordar que novamente se organizarán este verán visitas teatralizadas no castelo de San Felipe, que tanto éxito tiveron en pasadas edicións”, sinalou a edil. Así mesmo, a oferta turística de Ferrol volve a contar cos paseos en lancha, tanto pola ría, como a San Felipe -para participar nas visitas teatralizadas- e a Mugardos. A titular de Turismo tamén se referiu á oferta museística da cidade tanto os dous incluídos na Ruta da Construción Naval, que son Exponav e o Museo naval, coma o Museo da Natureza. “No novo folleto informativo tamén hai lugar para outro dos itinerarios que se poden facer en Ferrol: a Ruta do Modernismo, así como para  a boa gastronomía da nosa terra, e, por suposto, para os nosos recursos naturais, como as magníficas praias existentes no noso litoral ou os miradoiros incribles de Chamorro e Monte Ventoso”, subliñou García Fraga.

Un total de 37.000 folletos turísticos  -30.000 en castelán, 5.000 en galego e 2.000 en inglés- serán distribuídos en dúas fases. A primeira etapa comprenderá o inicio da campaña; mentres que a segunda será a principios do mes de agosto nas oficinas de turismo da cidade naval e concellos do xeodestino Ferrolterra, en hoteis, residencias militares, restaurantes, bares e cafetarías das principais zonas turísticas de Ferrol (especialmente nas praias, o barrio da Magdalena, o porto, o Cantón e Esteiro) e na Coruña, Santiago e Vigo. Ademais, a distribución dos dípticos irá acompañada dunha camapaña radiofónica a nivel autonómico para difundir as opcións turísticas e de ocio de Ferrol

Visitas turísticas

De xeito máis concreto, García Fraga facilitou a programación do folleto turístico. O programa de visitas guiadas comezará o vindeiro sábado 13 de xullo e prolongarase ata o domingo 15 de setembro. Así, as visitas con guía ao Arsenal Militar serán todos os sábados, domingos e días festivos, ás 11:00 horas e, como novidade, este ano faranse tamén os venres pola tarde, ás 19:00 horas os días 9, 16, 23 e 30 de agosto. O city-tren da cidade acollerá de novo as visitas a Navantia que se desenvolverán todos os sábados, domingos e festivos ata o 15 de setembro incluído ás 12:30 horas; o city-tren sairá diante ao Teatro Jofre ás 12:20 horas aproximadamente. Tanto para as visitas ao Arsenal como para Navantia será preciso inscribirse con antelación no punto de información turística do porto de Curuxeira, e o prezo será de 4 euros por persoa e viaxe (os nenos menores de 5 anos gratis).

A visita guiada a San Felipe, será os sábados 13 e 20 de xullo, o 31 de agosto, o 7 e o 14 de setembro, ás 18:00 horas e prezo tamén será de 4 euros. En canto ás visitas guiadas e teatralizadas ao castelo, se desenvolverán os sábados 27 de xullo, e os días 3, 10, 17 e 24 de agosto ás 18:00 horas; os tickets venderanse  en San Felipe uns minutos antes do comezo da visita, sendo o seu prezo de 6 euros para adultos, e de 4 para maiores de 65 anos e nenos de 5 a 12 anos.

No que atinxe aos paseos en barco pola ría e a Mugardos, deron comezo o 1 de xullo e se prolongarán todos os días ata o 15 de setembro. O recorrido, dunha hora de duración, terá lugar ás 12:00, 13:00, 16:00, 17:00,18:00 e 19:00 horas e a venda de tickets será no propio barco tendo un prezo de 7 euros para adultos e 4 para maiores de 65 anos e nenos entre 5 e 12 anos. Ademais, haberá viaxes en barco a San Felipe coincidindo cos días que hai visita guiada ou guiada e teatralizada, saíndo a embarcación do porto de Curuxeiros ás 17:00  horas a un prezo de 6 euros ida e volta para adultos e de 3 euros para maiores de 65 anos e nenos de 5 a 12 anos.

Camisetas, postais e láminas da Ruta do Naval

A titular de Turismo tamén presentou outra novidade nas actividades turísticas da tempada de verán: a venda de camisetas da Ruta da Construción Naval, láminas e postais na oficina municipal de turismo e en Exponav. “Será un magnífico recordo para os nosos visitantes” ,manifestou María del Carmen García. Ao fío disto, informou que as camisetas estarán xa á venda mañá martes na Feira de Mostras e aproveitou para anunciar que haberá servizo de traslado no city-tren dende a paraza de Galicia -xunto ao Jofre- a FIMO será todos os días da feira en horario ininterrompido de 18:00 a 21:00 horas e terá un custe de 1 euro.

Ademais, dentro da campaña de verán, a edil tamén presentou oficialmente o novo vídeo do famoso videoblogger Diego Pons, rodado integramente na comarca de Ferrolterra. A obra audiovisual atópase xa colgada no canle de Ferrol Turismo en Youtube e “fai especial fincapé nos recursos naturais da nosa comarca, nas súas excelentes posibilidades para a práctica de deportes e turismo activo e, na estreita relación de Ferrol co mar”,  dixo María del Carmen García.

Por último, a responsable da área de Turismo mostrou unha campaña que se atopa vixente durante todo este ano en Tripadvisor, a web de viaxes máis grande do mundo. “No noso espazo oficial, patrocinado, mostramos imaxes e vídeos de Ferrolterra, xunto con tres posibles paquetes turísticos no xeodestino, así como ligazóns ás redes sociais nas que Ferrol Turismo está presente”, explicou.

8 de xullo de 2013 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.