O Concello de Ferrol intensifica a campaña de turismo nas redes sociais coa presenza na primeira comunidade de viaxeiros online de España
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Turismo, informou hoxe sobre a campaña turística que se está levando a cabo en Minube.com, a primeira comunidade de viaxeiros online de España. No microsite, promociónase a cidade naval e a comarca de Ferrolterra en xeral a través de paquetes turísticos da Ruta da Construción Naval, enlaces das redes sociais de Ferrolturismo e numerosos vídeos.
Dentro desta campaña promocional, cabe destacar o vídeo “Viajando con Diego” realizado por Diego Pons e que está a ser todo un éxito, xa que trala primeira semana no sitio web Youtube está preto das 98.000 visitas. A gravación destaca o potencial de Ferrol e comarca para a práctica do turismo activo. Diego Pons realiza un percorrido pola Ruta da Construción naval, a que define como “un recurso único en Europa”; visita o Parador de Ferrol, no que goza da gastronomía da zona; ou recorre as rúas do barrio da Magdalena que conta cunha magnífica arquitectura modernista. Ademais, o vídeo mostra a variada oferta de deporte da natureza que presenta o municipio coa práctica de surf na praia de Doniños ou a posibilidade de sobrevoar o areal de Ponzos en parapente.
Aplicación sobre a Ruta da Construción Naval
Así mesmo, proximamente será posible descargar unha aplicación gratuíta sobre a Ruta da Construción Naval, dentro da aplicación de Minube.com para smartphones e ipad. Esta aplicación do microsite recibiu numerosos premios, entres os que destaca o de Apple, e tamén é unha das apps de viaxes con máis descargas.











