O Concello de Ferrol desenvolve accións de formación en voluntariado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Rosa Marínez Beceiro, segue a potenciar a Oficina Municipal de Voluntariado co desenvolvemento dunha serie de programas e cursos formativos abertos ao conxunto da cidadanía interesadas e, especialmente, ás persoas que cooperan coa devandita oficina local de voluntariado. Así, a Casa Solidaria acolleu hai sete días, o sábado día 29 de xuño, unha actividade formativa dirixida a este colectivo que contou coa participación dunha trintena de persoas e que tiña por obxecto  que o alumnado tivera coñecemento de nocións básicas sobre o voluntariado. O seminario tivo unha duración de catro horas.

Así, o curso tratou os seguintes contidos: solidariedade e participación cidadá do voluntariado; sentidos e valores da acción voluntaria; marco normativo; entidades de acción voluntaria e os proxectos e ámbitos deste tipo de actividades. No que atinxe á avaliación desta acción formativa feita polos propios asistentes, a valoración xeral da mesma é de 4 puntos sobre un máximo de 6 –valorando aspectos como o contido do curso, ao profesorado, a organización e o grao de interese suscitado-.

A edil Martínez Beceiro deu conta do calendario de próximos cursos de voluntariado, que se completa con outros dous seminarios. Así, o segundo curso será de “Habilidades para a comunicación e relacións de grupo” e terá unha duración de oito horas. O obxectivo desta nova acción formativa é “analizar as relacións interpersoais e as comunicacións entre persoas, e desenvolver destrezas para poder realizar unha acción voluntaria de calidade”, sinalou a edil de Benestar Social. O segundo que ofertará a Administración ferrolá estará centrado na “Atención á discapacidade e dependencia” dado que a través do Concello de Ferrol se están a levar a cabo accións de voluntariado dirixidas a persoas maiores. Esta acción, quie tamén terá unha duración de oito horas, ten como obxectivo proporcionar formación actualizada e adaptada ás necesidades dos voluntarios. Ao respecto, a titular de Benestar Social manifestou que “ten que haber unha mínima formación da discapacidade e das súas necesidades, dado que está dirixido a estas  persoas, para que a acción voluntaria sexa de calidade”.

Participación na Oficina Municipal de Voluntariado

Ao fío disto, Martínez Beceiro facilitou cifras sobre o servizo de voluntariado municipal no que un total de 51 persoas -25 homes e 26 mulleres- están rexistradas. Así, o número de voluntarios en activo semanalmente é de 33, dos que 23 son mulleres e 10 son homes. No que atinxe ás accións e entidades coas que esta oficina local está a colaborar, estas son: a Cociña Económica, que conta con 28 voluntarios; accións de acompañamento social, ao que se dedican 13 persoas; no Centro de Atención a Minusválidos Físicos de Ferrol (CAMF) para animación á lectura hai 3 persoas voluntarias; cos programas de apoio ao ocio e deporte no Centro Nosa Señora de Chamorro colaboran 4 voluntarios; e son 2 as persoas que realizan accións voluntarios no Comedor Sénior do barrio de Caranza.

Ademais, no que levamos de ano 2013 foron dadas de alta para realizar voluntariado 16 persoas no comedor social, 2 no comedor Sénior, 9 para acompañamento social, 3 para actividades de ocio e deporte, e unha en animación á lectura. Así mesmo, os voluntarios participaron este ano, e por primeira vez, en actos como o Festival de Corais de Persoas Maiores no Teatro Jofre ou o Seminario de Envellecemento Activo que se desenvolveu no Campus Universitario de Ferrol (Esteiro). O perfil das persoas inscritas neste servizo municipal de Voluntariado comprende unha idade media superior aos 40 anos e o porcentaxe de mulleres supera ao de homes. “Quero agradecer a todas as persoas que realizan estas accións voluntarias a posta en disposición de toda a súa calidade humana e coñecementos como do seu tempo, que solidaria e desinteresadamente dedican aos demais”, dixo a edil de Benestar Social do Concello de Ferrol.

6 de xullo de 2013 | 14:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.