O Concello de Ferrol atende a través do programa “Xantar na Casa” a 15 personas maiores e/ou dependentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, informou hoxe do programa “Xantar na Casa”, un dos temas tratados esta mañá na comisión informativa de dita área. O convenio para a realización deste proxecto foi asinado coa Xunta de Galicia no mes de abril do ano 2012. Este acordo permitiu mellorar e aumentar o programa “Comedor sobre rodas”, de tal xeito que o número actual de beneficiarios pasou de 9 a 15 usuarios.

Martínez Beceiro explicou que “Xantar na casa” pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de persoas maiores e/ou dependentes, con déficits de autonomía persoas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús. Este tipo de recurso é en moitos casos un servizo complementario a outros que tamén coordina a Concellería de Benestar Social, como son o de Axuda no Fogar e Teleasistencia. “Preténdese que as persoas maiores ou dependentes poidan seguir vivindo nos seus fogares o maior tempo posible e cun nivel de independencia e autonomía persoal aceptable”, explicou a responsable das políticas sociais do Concello de Ferrol. Este programa tamén conta cun servizo telefónico de asistencia 24 horas facilitado pola Xunta de Galicia para resolver calquera dúbida dos usuarios sobre a súa dieta ou calquera incidencia, así como, un técnico municipal que realiza seguimentos no fogar.

Os menús son completos e equilibrados, variados e adaptados as necesidades segundo as dietas dos beneficiarios do servizo, xa que a maioría das persoas teñen que seguir unha alimentación específica. Así, este tipo de servizo de atención alimentaria no domicilio precisa que os usuarios dispoñan de microondas e frigorífico. No caso de que non teñan estes electrodomésticos serán facilitados en réxime de depósito e tamén un servizo técnico de asesoramento de uso e de mantemento dos mesmos. “O programa mellora a situación de soidade das persoas da nosa cidade que teñen problemas para saír da casa e que tampouco poden ser usuarios dos nosos comedores sénior”, sinalou Martínez Beceiro.

Usuarios do servizo

As persoas beneficiarias desta proposta deberán estar empadroadas no termo municipal e responder a algún destes perfís: persoas maiores de 60 anos, que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e sen rede de apoio que puidera suplir tal situación; persoas dependentes, que carezan de apoio familiar, e que requiren de axuda para a preparación de alimentos; persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada. A valoración das persoas beneficiarias é realizada polo persoal técnico da Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol. As 15 prazas dispoñibles para este servizo de atención alimentaria no domicilio están sempre cubertas, “xa que no momento que houbo baixas por falecementos ou algún ingreso residencial, sempre temos persoas que solicitan este programa”, apuntou Rosa Martínez.

Actualmente, existen 3 persoas en lista de espera para poder participar no programa e das 15 persoas beneficiarias, 8 son homes e 7 mulleres con dependencia. Ademais, dous dos varóns atópanse en risco de exclusión social, outro ten unha discapacidade psíquica e outro deles sensorial.

11 de xullo de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.