publicidade hoxe

O Concello de Culleredo prepara a ampliación do aparcadoiro en Vilaboa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+
Vista do aparcamento de Vilaboa

Vista do aparcamento de Vilaboa

O goberno de Culleredo estuda a ampliación das prazas de estacionamento de vehículos en Vilaboa, para responder ás necesidades de veciños de zonas con dificultades para aparcar. Desta forma, o Concello completaría o seu plan de mellora nos aparcadoiros de Vilaboa, que dispoñerá así mesmo de aparcadoiro expreso para facilitar as xestións ou compras rápidas.

O Concello, a través da área de Mobilidade, ten localizados en concreto dous puntos de Vilaboa con necesidade de incrementar as prazas de estacionamento. En Fonte da Balsa, a zona máis ao sur do núcleo, o sitio para aparcar é escaso en relación co número de coches.

Os veciños solicitaron a creación de máis prazas. Para dar resposta a esta necesidade, o goberno municipal estuda recortar o noiro da rúa principal sobre un metro para ampliar a calzada e poder xerar máis espazo de estacionamento ao efectuar unha reordenación das prazas.

O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Riobóo, explica que en paralelo a este proxecto de reorganización da rúa en Fonte da Balsa efectuaríase unha humanización do ámbito.

Outro dos puntos de Vilaboa onde o Concello aposta por incrementar o aparcadoiro é na rúa Domingo Serra, no centro do núcleo. Alí existe unha parcela municipal que o goberno municipal pretende preparar para acoller o estacionamento de vehículos.

Por outra parte, a zona azul de aparcadoiro expreso de Vilaboa comezará a funcionar de forma inminente, unha vez que o Concello completou o pintado. Esta medida, totalmente gratuíta, foi pedida polos comerciantes dado o bo funcionamento obtido nas creadas polo Concello no núcleo do Burgo.

Con estas medidas, apunta Riobóo, o goberno de Culleredo mellora a mobilidade para os veciños de Vilaboa e propicia o acceso aos establecementos comerciais e negocios de hostalaría locais.

15 de xullo de 2013 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.