publicidade hoxe

O Concello de Culleredo espera o convenio coa Xunta para licitar a remodelación da avenida de Electo Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O goberno de Culleredo encóntrase á espera de recibir da Xunta de Galicia o convenio para proceder á aprobación do proxecto de remodelación da avenida de Electo Carballo, que une A Corveira co Portádego. O Conselo da Xunta acordou na pasada sesión a firma do texto, ao tratarse dunha vía autonómica (AC-215).

A actuación considerará a construción de beirarrúas na marxe dereita da estrada, unha demanda de veciños e goberno municipal para mellorar substancialmente a seguridade vial. Trátase dun vial moi transitado, cunha elevada carga de tráfico, e de carácter marcadamente urbano, polo que o equipo de goberno considera imprescindible a dotación dun espazo seguro para os peóns.

O proxecto incluirá tamén a instalación de rede de recollida de pluviais e de rede de saneamento. Prevese ademais, como medida para reducir a velocidade dos vehículos, a creación de pasos de peóns elevados.

Ademais, a avenida dispoñerá de nova pavimentación e estreará paradas de autobús. Tamén se renovará a sinalización horizontal e vertical.

Coa firma do convenio, o Concello de Culleredo poderá, despois de aprobar o proxecto, sacar a licitación a obra. Se estima que a licitación e adxudicación dos traballos se producirá este ano 2013, levando a cabo a actuación no primeiro semestre de 2014.

O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, considera que con este plan se ofrecerá unha “resposta global” para condutores e peóns, ao converter a estrada nunha avenida urbana dotada da seguridade vial necesaria. O rexedor sinala que se trata dunha das peticións máis urxentes e reiteradas do Concello dado que a localización nas inmediacións de centros como un colexio, a sede de Policía Local, Garda Civil ou Protección Civil, ou o futuro centro de saúde, ademais de negocios comerciais e de hostalaría, requiren esta mellora da seguridade.

6 de xullo de 2013 | 14:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.