publicidade hoxe

O Concello de Culleredo constata un importante avance nos traballos de redacción do proxecto do instituto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O goberno de Culleredo mantivo na mañá de hoxe unha primeira reunión coa empresa Naos, adxudicataria da redacción do proxecto de construción do novo instituto que a Xunta de Galicia levantará en Acea de Ama, nos terreos da antiga Universidade Laboral. O encontro efectuouse co obxecto de emprender unha colaboración fluída dende o Concello e poder axilizar ao máximo os traballos.

O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, presidiu a reunión, acompañado do arquitecto municipal e de responsables das empresas concesionarias dos servizos municipais de auga, saneamento e mantemento eléctrico.

No encontro abordouse principalmente como se acometerá a provisión dos servizos necesarios para a parcela: auga, saneamento, recollida de pluviais e conexión eléctrica. O Concello proporcionou á redactora toda a información necesaria. Fenosa determinará se se require un transformador para a acometida de electricidade.

Os responsables da redactora presentaron xa un esquema básico de como prevé o deseño do centro. A idea consiste en proxectar a entrada dende a estrada interior da Universidade Laboral.

Sacristán móstrase satisfeito de que a empresa xa avance a bo ritmo de traballo. Segundo o contrato, dispón de dous meses para confeccionar o proxecto.

Esta foi a segunda reunión en catro días que mantén o goberno de Culleredo para, na medida das súas competencias, acelerar os procesos de construción dos novos instituto e colexio por parte da Xunta. O pasado venres, o alcalde se reunión con técnicos do goberno autonómico para concretar o estudo de detalle da parcela onde se emprazará o CEIP en Vilaboa.

Con estes dous proxectos aliviaranse as saturadas aulas dos centros escolares cullerdenses. O Concello mostra a súa total colaboración coa Xunta para conseguir que sexan unha realidade no máis breve prazo posible.

1 de xullo de 2013 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.