O Concello de Cervo convoca o I Concurso de Cómic do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal
A-
A+

A delegación de Xuventude, que dirixe Yolanda Pedreira, convoca o I Concurso de Cómic do Concello de Cervo. Un certame no que poderán participar todos os mozos de entre 12 e 30 anos, que poderán presentar tantos traballos como desexen sempre que sexan historias e personaxes de creación propia, que nunca fosen premiados noutros concursos nin publicados en calquera medio, cunha extensión máxima de seis páxinas, en cor ou en branco e negro, en tamaño DIN A-4, cos textos rotulados e en galego ou castelán.

En canto á temática e á técnica de creación, serán libres co obxectivo de “favorecer a creatividade e a orixinalidade da mocidade” tal e como explica Pedreira. O prazo para presentar os traballos pecharase o día 22 de xullo, e deberán entregarse na Casa da Cultura de San Ciprián, onde tamén informarán de todos os detalles do concurso.

O día 26 deste mes, durante o acto de clausura do I Concurso de Talentos que tamén organiza Xuventude, darase a coñecer o fallo do xurado, que elixirá os mellores cómics. Outorgaranse primeiros e segundos premios nas seguintes categorías: Júnior (de 12 a 17 anos); e  Sénior (de 18 a 30 anos); ademais farase entrega dun premio á mellor historieta de humor e outro ao mellor guión.

A edil de Xuventude convida á mocidade “a participar neste concurso co que pretendemos abrir un espazo para a creatividade e o talento, animándoos a amosar en público as súas capacidades”. 

9 de xullo de 2013 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.