O Concello de Carballo acada o posto 13 en número de doazóns de sangue realizadas en Galicia, con máis de 1.300 en 2012

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Carballo rexistrou durante o ano 2012 un total de 1.305 doazóns de sangue, o que supón un incremento dun 5 por cento respecto do período anterior e sitúa a Carballo como a vila número 13 de Galicia en canto a número de doazóns. O ano pasado acadouse unha taxa de 42 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra que supera a media galega e que se atopa dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Hai que subliñar os datos positivos da vila nunha tendencia negativa en Galicia, que ten rexistrado un descenso dun 1 por cento nas doazóns, ademais de que o Concello supera o incremento rexistrado en Bergantiños, dun 4 por cento. Son datos expostos polo responsable de promoción do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), Antonio Carcedo, que quixo agradecer o labor do Concello nas tarefas de chamamento cidadá que se realizan cada ano. O xoves 1, venres 2 e sábado 3 de agosto unha Unidade Móbil do CTG estará situada na Praza do Concello para contribuír a manter o número de doazóns en 2013. Entre xaneiro e xuño deste ano téñense realizado 537 doazóns, catro menos respecto do mesmo período do ano anterior. O Concello, Protección Civil e socorristas están realizando estes días unha campaña para sensibilizar á poboación, usando as megafonías das praias do municipio e repartindo información na vila para que a veciñanza poida contribuír a que moitos enfermos recuperen a súa saúde. No faltou a mención ao tráxico accidente de tren acontecido o mércores 24 de xullo, con especial agradecemento por parte do CTG a todos os veciños e veciñas que se achegaron a doar esa xornada, pero tamén realizando un chamamento para que os doantes continúen acudindo ás unidades móbiles e aos centros hospitalarios nos próximos días, xa que “aínda que as necesidades para os feridos da traxedia están cubertas”, segundo Carcedo, “debe de seguirse doando de forma gradual porque precisamos 500 doazóns diarias”. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, resaltou a “exemplar” resposta cidadá a consecuencia do accidente, mais desexou “que Carballo siga demostrando a súa solidariedade” e “que a doazón se faga de forma regular, e non soamente cando hai un accidente tan dramático, xa que todas as semanas hai necesidades hospitalarias”. En todo caso, os datos amosan que o ano 2012 foi o ano con máis número de doazóns dende 2005, en que se rexistraran 1.301. Porén non se superan os datos de 2004, con 1.384 doazóns, xa que ese ano tivera lugar o atentado terrorista do 11-M, o que tamén contribuíra a incrementar o número de doazóns. Neste caso, como consecuencia do descarrilamento, tense rexistrado un incremento notable nas horas posteriores ao suceso, con “mareas de persoas que se achegaron a doar”, en verbas de Carcedo.

Os interesados en doar en Carballo nos próximos días, e unirse aos máis de 3.600 doadores rexistrados na vila dende 1993, poden facelo o xoves 1 e venres 2 de agosto de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas; e o sábado 3 de agosto de 10.00 a 15.00 horas na Unidade Móbil da Praza do Concello. A doazón de sangue é moi importante cada día para garantir o correcto desenvolvemento do labor asistencial dos centros sanitarios galegos, que precisan ao redor de 40.000 doazóns de sangue nos meses de verán. Así mesmo, o CTG subliña que a doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo e cómodo que pode contribuír mesmo a salvar a vida dun doente e que en ningún caso é prexudicial para a saúde ou debilita o organismo. Ademais de Ferrero e Carcedo, estiveron na presentación desta campaña de doazón, Beatriz Rama, en representación de Protección Civil de Carballo; e Elba Pillado, promotora de doazón do CTG na comarca de Bergantiños.

29 de xullo de 2013 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.