O Concello de Ames realiza un plan de desbroce e mantemento de pistas forestais para previr incendios

Traballos de desbroce
O Concello de Ames, en virtude dun convenio de colaboración subscrito coa Consellería de Medio Rural e do Mar, puxo en marcha un plan de desbroce de camiños forestais no municipio. A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, subliña que “o obxectivo destes traballos é intensificar a prevención de incendios, manter as vías e camiños e outras superficies de titularidade municipal en boas condicións e reforzar a limpeza levada a cabo pola maquinaria municipal durante todo o ano”.
A través desta colaboración, o que se consegue é complementar as labores de limpeza co tractor municipal que xa vén realizando o Concello en todo o municipio. Os traballos de limpeza de pistas comezaron por Barouta, acometendo o tractor o desbroce das vías forestais que unen este lugar con Lens ou Searez.
Neste momento, a maquinaria atópase traballando nas pistas forestais da parroquia de Ameixenda. Despois, o tractor desprazarase ata as pistas de Cruxeiras e Lens, continuando polo monte de Liñaredo e de San Marcos. O desenvolvemento dos traballos realizase en base a un programa de actuación no que se establecen as zonas nas que se realizarán os tratamentos silvícolas de xeito mecanizado en vías e camiños forestais.
O obxectivo deste convenio para a participación na prevención de incendios forestais, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, é realizar tratamentos preventivos en vías, camiños e outras superficies forestais de titularidade municipal.
Este acordo, dotado cun orzamento máximo de 10.175 euros, amosa a vontade do Concello de Ames de colaborar coa Consellería de Medio Rural e do Mar na vixilancia, prevención e defensa dos incendios forestais. O obxectivo é actuar mediante tarefas preventivas, sobre as causas dos incendios forestais co obxecto de evitalos ou, en todo caso, minorar as súas consecuencias.











